A ETAP de Foz sufriu un incendio no que ardeu o cadro eléctrico
O Concello de Foz adoptou as medidas necesarias para evitar que o incendio ocorrido na tarde de hoxe, sábado, na Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) afecte ao subministro de auga.
O alcalde de Foz, Fran Cajoto, explicou que “houbo un incidente na depuradora de auga de Fazouro, na que ardeu o cadro eléctrico. Teño que agradecer a rápida disposición dos bombeiros de Barreiros, de Protección Civil e da Policía Local porque grazas á súa actuación a afección limitouse ao cadro eléctrico e non houbo consecuencias maiores. Estamos traballando coa concesionaria de auga, Gestagua, para retomar de novo o proceso de depuración, que haberá de facerse de xeito manual ao verse afectado o sistema automatizado”.
O rexedor municipal engadiu: “estamos poñendo todos os medios para que o servizo de auga se manteña, a pesar dos consumos que aumentan pola maior afluencia en Semana Santa. Hai que ter en conta que os depósitos de cabeceira, no Pico do Castro e en Fazouro, teñen suficiente volume de auga depurada almacenada mentres se realizan os traballos de posta en servizo urxente. Quero transmitir unha mensaxe de tranquilidade a todas as veciñas e veciños de Foz”.