A Espiñeira acolle a súa terceira Torresmada Popular con sabor tradicional e música en directo

O campo da feira da Espiñeira, en Foz, será o escenario da terceira edición da Torresmada Popular o vindeiro sábado 5 de xullo. A cita gastronómica, organizada pola Asociación Cultural Virxe do Pilar, comezará a partir das 20:30 horas e ofrecerá unha completa proposta de lecer arredor dun menú tradicional e música en directo.
Os asistentes poderán gozar dun prato composto por torresmos de porco celta, panceta, chourizo, patacas fritidas, pan e bebida (auga ou viño), nun ambiente de festa pensado para todas as idades. A organización xa puxo en marcha a venda anticipada de tíckets, dispoñibles ata o 2 de xullo por 10 euros, aínda que tamén se poderán mercar o propio día do evento. A partir dese día, o prezo ascenderá a 12 euros. Para reservas, pódese contactar con Vanesa no teléfono 679 841 212.
Farase entrega de tíckets os días 2 e 3 de xullo no campo da feira da Espiñeira en horario de 19:00 a 22:00 horas. O día 2 para quen queira mercalo co prezo de venda anticipada ou quen os teña reservados e, o día 3 para os reservados ata as 12 da noite do día 2 ou mercar o tícket normal.
A animación musical correrá a cargo da Asociación Folclórica Cultural A Subela de Foz, da charanga Os Sureños e da Eventec Disco Móbil, que garantirán unha noite de ritmo e festa.
A cita conta coa colaboración da Deputación de Lugo, a Xunta de Galicia, o Concello de Foz e a federación Tradigalu, e consolidouse como un evento de referencia dentro do calendario estival do municipio. Desde a organización convidan á veciñanza e visitantes a participar nunha velada pensada para celebrar a gastronomía local e a cultura popular en comunidade.