A Escola Municipal de Ximnasia Rítmica de Xove abre o prazo de reserva de praza
A Escola Municipal de Ximnasia Rítmica de Xove vén de informar da apertura do prazo para a reserva de praza para o vindeiro curso e que estará aberto todo o mes de agosto.
Poderán facer a reserva todos aqueles nenos maiores de 4 anos ou que cumpran 4 anos ao longo do ano 2022.
A Escola de Ximnasia Rítmica de Xove leva funcionando dende hai uns 20 anos aproximadamente. A súa adestradora durante todos estes anos foi Ana María Iglesias Ares. O seu funcionamento é dependente da Concellería de Deporte e Turismo. Tódolos anos o Concello de Xove organiza un Torneo no que participan clubes e escolas de toda a provincia. Dito torneo é un referente para toda a comarca.
Os adestramentos son no pavillón municipal de Xove e na aula multideportiva e as ximnastas que comezan nesta modalidade deportiva inícianse a través de xogos e exercicios sinxelos, como poden ser de expresión corporal, coordinación, esquema corporal, ritmo, traballo de flexibilidade, aparatos, ballet…. básicos para o seu desenvolvemento como ximnastas.
As ximnastas que están dentro do grupo de competición, realizan adestramentos máis específicos (técnica de aparatos, flexibilidade, ballet…) de acordo á categoría na que se encontren (escolar, promoción, modalidades individuais e conxunto).