A Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo fará o seu Festival de Nadal este sábado
A Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo celebra o sábado, 16 de decembro, ás 11.30 e 18.00 horas no Auditorio Municipal Hernán Naval o seu tradicional Festival de Nadal, dentro dos actos do 30 aniversario do centro. Na sesión da mañá será o alumnado máis pequeno do centro o que participe. Xa na sesión da tarde serán as grandes agrupacións das diferentes especialidades instrumentais e de danza.
No repertorio deste ano non faltan as panxoliñas pero tamén hai cabida para outros ritmos como a música moderna ou a tradicional. “O de Nadal é, xunto con fin de curso, o festival que máis éxito ten tanto entre o alumnado coma entre o público de aí que cada ano procuremos ofrecer cousas novas tanto a nivel de repertorio coma de posta en escena”, explica Hugo García, responsable da EMMeD.
Pero, sen dúbida, o aspecto máis destacado do Festival de Nadal, tal e como acontecera en cursos anteriores, é a súa vertente solidaria. García subliña que “ao longo de toda a semana, desde hoxe luns 11 e ata o propio sábado 16, a EMMeD de Ribadeo realizará unha recollida de produtos de Nadal (turróns, polvoróns, mazapáns...) para entregar ao departamento de Servizos Sociais do Concello co fin de que sexan distribuídos entre familias con escasos recursos do concello. Queremos agradecer de antemán, a toda a veciñanza que, na medida das súas posibilidades, fagan unha achega a esta recollida de alimentos, pois cun pouco de cada unha de nós axudaremos a moitas persoas”.
O responsable da EMMeD sinala que “unha das apostas da EMMeD de Ribadeo é achegar durante todo o curso ao alumnado valores que vaian máis aló do estritamente musical, de aí a inclusión no currículo académico do centro de aspectos como a solidariedade, a igualdade ou a loita contra a discriminación de calquera tipo”.
A concelleira de Educación e Cultura, Begoña Sanjurjo, anima a participar “primeiramente na recollida solidaria para que en ningún fogar de Ribadeo falten os produtos típicos destas datas. Queremos que todas e todos poidamos gozar e saborear o Nadal da mellor forma posible. E tamén quero animar á veciñanza de Ribadeo e da contorna a achegarse o vindeiro sábado ata o Auditorio Municipal para disfrutar do Festival de Nadal que ten preparada a EMMeD e no que poderemos apreciar todo o traballo desenvolvido estes meses polo alumnado e polo profesorado”.