A Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo despide o curso cunha intensa semana de actividades

A Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo (EMMeD) celebrará o final do curso 2024/25 cun amplo programa de actividades ao longo da última semana de xuño, pensado para achegar á veciñanza o traballo realizado polo seu alumnado e fomentar a participación cultural.
O martes 24 de xuño terá lugar en Xove un Encontro Orquestral no que participarán as escolas de música de Burela, Mondoñedo, Ribadeo, Xove e a agrupación Forte Glissando, de Lugo. Segundo explicou o director da EMMeD, Hugo García, o obxectivo desta xornada é “promover a convivencia entre o alumnado e fortalecer os vínculos entre os centros educativos”, ao tempo que se enriquece a formación musical dos participantes. A actividade incluirá ensaios, unha visita guiada pola vila de Xove e culminará cun concerto ás 19:00 horas no Salón de Actos do Centro Cívico, cun repertorio composto por pezas clásicas de distintas épocas.
O mércores 25 será a quenda da xornada de portas abertas, entre as 16:00 e as 18:00 horas, dirixida a persoas interesadas en coñecer a escola e as disciplinas que nela se imparten. O profesorado ofrecerá explicacións detalladas e pequenas clases prácticas, para as que será necesaria inscrición previa. A actividade está estruturada segundo as idades e intereses do público participante. Así, haberá propostas específicas para nenas e nenos nados entre 2018 e 2021 nas áreas de música e movemento, e tamén na modalidade de pre-danza. Pola súa parte, a práctica instrumental e as clases de danza clásica ou contemporánea estarán dirixidas a persoas nadas a partir do 2017, incluíndo tamén adultos.
Durante esta xornada, que será totalmente gratuíta, as persoas asistentes poderán visitar as instalacións, participar nas sesións e obter toda a información necesaria sobre a oferta educativa da EMMeD. As inscricións poden realizarse ata o 23 de xuño mediante correo electrónico a esmu.municipal.ribadeo@edu.xunta.gal, indicando nome e apelidos, data de nacemento, teléfono e as especialidades que se desexan coñecer.
O xoves 26 ás 19:00 horas o alumnado de danza clásica ofrecerá unha actuación no Quiosco do Parque de San Francisco, un espazo xa consolidado dentro da programación estable da escola.
O venres 27, a música trasladarase á parroquia de Cedofeita coa actividade Musiqueando polas parroquias, que busca achegar a programación da EMMeD ás zonas fóra do centro urbano. A cita será ás 19:30 horas na escola de Cedofeita, onde parte do alumnado amosará o traballo realizado ao longo do curso. “Queremos que tamén as persoas que viven nas parroquias poidan coñecer de preto a actividade da escola”, indicou Hugo García.
A concelleira de Educación, Begoña Sanjurjo, animou á veciñanza a sumarse a esta programación “ampla e variada, que mostra o esforzo e o talento do alumnado da nosa escola de música e danza”.