A Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo celebra Santa Cilla este mércores
A Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo celebra o mércores, 22 de novembro, ás 20.00 horas no Auditorio Hernán Naval o seu tradicional concerto na honra de Santa Cilla, patroa dos músicos. Trátase da primeira actividade que realiza dentro dos actos de conmemoración do 30 aniversario do centro.
O responsable da EMMeD, Hugo García, explicou que “polo escenario pasarán alumnas e alumnos da Escola que interpretarán obras de moi diferentes estilos. Agrupacións de vento, tecla, percusión, entre outros, dan forma ao programa deste concerto, aberto ao público e gratuíto. Esta actuación é a previa do gran festival de Nadal que a Escola celebrará o vindeiro 16 de decembro tamén no auditorio e no que participarán preto de 400 alumnas e alumnos”.
A concelleira de Educación e Cultura, Begoña Sanjurjo, anima “a asistir a estas actividades da EMMeD na que tanto pais e nais como o público xeral poderán gozar do traballo que hai detrás do alumnado, que ano tras ano, aposta pola súa formación neste centro”.
García subliñou que “trinta anos van desde que en novembro de 1993, baixo a dirección de Hernán Naval Parapar, comezaba a funcionar un centro educativo musical que axiña se ía converter nunha referencia. A EMMeD de Ribadeo continúa na liña curso tras curso e suma 376 alumnos e alumnas de entre 4 e 80 anos, ó que a sitúa como un dos centros con máis persoas matriculadas de toda a comunidade”.
O responsable da Escola indicou que “a filosofía da EMMeD de Ribadeo permanece intacta dende a súa posta en marcha, cos tres piares fundamentais cos que naceu, e que seguen vivos no traballo diario: o alumnado debe gozar e pasalo ben coa aprendizaxe; o traballo que facemos no centro debe saír das catros paredes e interactuar coas actividades comunitarias que se fan en Ribadeo. A Escola debe ser un punto de encontro da música e da danza con outros aspectos que entendemos centrais no proceso de formación das persoas como son a solidariedade, a igualdade...”.
Sanjurjo engadiu que “o curso 2023/2024 será un ano académico de celebracións. O programa de actividades estase preparando e iranse anunciando aquelas que se organicen co gallo do 30 aniversario da EMMeD de Ribadeo”.
https://galiciaxa.com/2023/11/amxa/zonas-amxa/ribadeo-amxa/239341/