A Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo abre o prazo de matrícula para novo alumnado

A Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) abre mañá, 1 de xullo, o período de matrícula para o curso 2025/2026 dirixido a novo alumnado. As persoas interesadas poderán presentar a súa solicitude ata as 14:00 horas do 15 de xullo a través dun formulario dispoñible na páxina web oficial da escola.
Desde a dirección do centro infórmase de que, se unha vez rematado o prazo houbera máis solicitudes que prazas dispoñibles, aplicarase un procedemento de sorteo para determinar quen accede á matrícula neste curso. As solicitudes que non obteñan praza pasarán a integrar unha lista de agarda para posibles vacantes futuras.
A EMMeD destaca pola súa ampla oferta formativa e o seu papel dinamizador na vida cultural da vila, ofrecendo ensinanzas musicais e de danza a alumnado de todas as idades. A apertura deste prazo supón unha nova oportunidade para incorporarse a un proxecto educativo recoñecido e consolidado.