A Escola Municipal de Música de Ribadeo recibirá unha nova mellora cun investimento de 40.000 euros

AMariñaXa
O proxecto, financiado pola Xunta, permitirá renovar ventás, portas e servizos, cunha aposta pola accesibilidade e a eficiencia enerxética
Escola-musica-ribadeo-obras-reforma-2025
5 Jun 2025

O Concello de Ribadeo levará a cabo unha nova actuación de mellora na Escola Municipal de Música e Danza grazas a un investimento de preto de 40.000 euros procedente da Xunta de Galicia. A intervención permitirá renovar parte das instalacións, modernizar o edificio e reforzar o compromiso do municipio coa cultura e coa mocidade.

O alcalde, Dani Vega, destacou que o estado do inmoble "levaba tempo reclamando unha actuación decidida", e asegurou que o obxectivo desta nova achega é “seguir mellorando e dotando as instalacións de equipamento”. Entre as actuacións previstas atópanse a substitución de ventás e portas, así como a mellora dos baños e da accesibilidade aos espazos comúns. "Imos actuar sobre o peche que quedaba sen renovar, mellorar a eficiencia enerxética e eliminar barreiras arquitectónicas", explicou o rexedor.

O mandatario local considera esta intervención "fundamental" para avanzar na adecuación dun edificio “que precisa unha reforma integral por fases” e que serve de lugar de formación para numerosas mozas e mozos da vila. “Xa se notaron as melloras nas zonas nas que se actuou con anterioridade, e agora seguimos dando pasos”, sinalou Vega.

Ademais de agradecer a implicación do profesorado, que “leva anos facendo unha labor incansable pola música local”, o alcalde salientou que este tipo de investimentos son tamén unha forma de recoñecer ese traballo. “Estamos a falar dun espazo que se enche de vida cada día grazas ao alumnado e ao profesorado. Por iso cómpre seguir apostando pola súa mellora”, engadiu.

A intención do equipo de goberno é continuar buscando novas liñas de financiamento e asinando convenios que permitan acometer máis actuacións na escola. “Seguiremos xestionando orzamento para que Ribadeo avance e para que a nosa mocidade dispoña de instalacións dignas e preparadas para o ensino artístico”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.15487909317017