A Escola Municipal de Música de Burela reforza os seus recursos con novos instrumentos e equipamento técnico

A Escola Municipal de Música de Burela vén de dar un paso adiante na mellora dos seus servizos cunha nova dotación de material instrumental e tecnolóxico. A adquisición realizouse ao abeiro dun convenio de colaboración entre a Vicepresidencia da Deputación de Lugo e o Concello de Burela, unha alianza que permitirá ao centro continuar ampliando e modernizando a súa oferta educativa.
O deputado de Mocidade, Daniel García, o tenente alcalde, Mario Pillado, e a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Sandra Fernández Cillero, visitaron esta mañá as instalacións para coñecer de primeira man o novo equipamento, xa dispoñible para o profesorado e o alumnado.
Entre o material incorporado figuran tres violonchelos e un equipo informático de última xeración, acompañado dunha mesa de mesturas e varios micrófonos. Estes dispositivos están pensados especialmente para a produción musical, unha das áreas nas que o centro municipal está a introducir novidades para responder ás novas demandas formativas.
Mario Pillado destacou que “a colaboración da Deputación permitiu levar a cabo un investimento que reforza os medios dispoñibles para a docencia e que abre a porta a organizar actividades complementarias”. Ademais, subliñou que o obxectivo do Goberno local é construír “unha Escola que sexa referente musical, cultural e social en Burela, algo que só é posible apostando polos recursos e pola renovación continua”.
Pola súa banda, o deputado Daniel García amosou “o apoio firme da Vicepresidencia da Deputación ao labor do Concello de Burela”, salientando que o executivo municipal mantén “unha axenda centrada na mocidade, que valoramos especialmente porque dá resposta ás necesidades e expectativas das persoas que construírán o futuro”.
A adquisición do novo material, que supuxo un investimento de 9.000 euros, inscríbese na estratexia da área de Educación e Mocidade do Concello para dinamizar a actividade tanto na Escola Municipal de Música como na Casa da Xuventude. O plan inclúe tamén actuacións de mellora e modernización no exterior do edificio, co propósito de consolidar estes espazos como puntos de encontro fundamentais para a vida cultural e xuvenil de Burela.