A Escola Municipal de Música de Burela organiza varios obradoiros
A Escola Municipal de Música de Burela organiza varios obradoiros que se levarán a cabo desde o 11 de maio ao 23 de xuño.
Xan Carballal, o director da Escola, explica que “están destinados a todos os rapaces dende seis anos, mozos e adultos que queiran aprender e lles guste a música. Poderán utilizar o instrumental do que dispón a Escola de Música, respectando a normativa sanitaria en todo momento, e participarán dos obradoiros ofertados de balde”.
Carballal sinala que “comezarán o 11 de maio e rematarán o 23 de xuño, realizándose todas as xornadas nas instalacións da Escola de Música, sita na Rúa da Igrexa. Para inscribirse terán que cumprimentar a folla de inscrición que foi entregada nos centros educativos e enviala por whatsApp ou entregala presencialmente na Escola de Música antes do 10 de maio. Para calquera consulta atenderáselles nos teléfonos habituais dos que dispón a Escola de Música”.
O director da Escola de Música de Burela engade que “as especialidades ofertadas serán vento madeira, con instrumentos coma clarinete, frauta traveseira, saxofón, óboe, etc...e vento metal con instrumentos coma trompeta, trombón, tuba, bombardino,etc... Os obradoiros serán impartidos polo profesorado habitual da Escola de Música en horarios específicos para cada especialidade instrumental e coincidindo sempre os martes ou mércores pola tarde”.