A Escola Municipal de Música de Burela celebra o concerto de clausura do curso

AMariñaXa
A frautista principal da Ópera de Hannover, a burelá Silvia Rozas Ramallal, vén de impartir un obradoiro de frauta
Escola-Municipal-de-Música-de-Burela
Escola-Municipal-de-Música-de-Burela
5 Xul 2024

A Escola Municipal de Música de Burela celebra este venres  o concerto de clausura do seu Curso Interdisciplinar. Nel, o alumnado do curso interpretará o conto musical ‘Antón e Xía’, ás 13:00 no auditorio da Casa da Cultura de Burela. A frautista principal da Ópera de Hannover, a burelá Silvia Rozas Ramallal, vén de impartir un obradoiro de frauta como parte do curso. Nel compartiu co alumnado tanto os seus consellos e técnicas como a súa experiencia como música profesional, de cara á celebración do concerto final.

A moza burelá conta cunha traxectoria moi destacada, xa que foi membro tamén da Orquestra Sinfónica de Galicia, da Xove Orquestra da Unión Europea e da Ópera de Berlín, e ten participado en prestixiosos certames internacionais. A frautista deu os seus primeiros pasos na Escola de Música de Burela, da que pasou ós conservatorios de Vilalba e Viveiro. Logo seguiu coa súa preparación na Coruña, de onde deu o salto cara a Alemaña, primeiro a Berlín e logo a Hannover.

“Para nós, contar con alguén coma Silvia Rozas é un privilexio, agradecemos fondamente a súa implicación”, sinala o concelleiro de Educación e Xuventude e responsable da Escola Municipal de Música, Mario Pillado. “Como prometéramos cando a recibimos o ano pasado, era moi necesaria esta colaboración, que dá valor ó curso que se está a celebrar na nosa Escola de Música”, afirmou o edil.

0.075967073440552