A Escola de Música e Danza de Ribadeo abre as súas audicións ao público

AMariñaXa
A cidadanía poderá gozar das actuacións do alumnado entre marzo e xuño
Musica-Clasica
17 Mar 2025

A Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo pon en marcha un ciclo de audicións abertas ao público que se desenvolverán entre marzo e xuño. Estas actuacións permitirán ao alumnado mostrar o traballo realizado nas aulas e achegar a música e a danza á veciñanza.

O director do centro, Hugo García, destacou que "estes eventos son momentos especiais para o alumnado e as súas familias, unha oportunidade de compartir o esforzo e a aprendizaxe con toda a comunidade".

A primeira audición será o 19 de marzo, a cargo do alumnado de óboe e saxofón no Salón de Actos. Seguirán outras citas ata o 22 de maio, con interpretacións de frauta, percusión, corda, vento metal, danza, piano e música tradicional, todas na propia Escola ou no auditorio municipal.

A concelleira de Educación e Cultura, Begoña Sanjurjo, anima á veciñanza a asistir: "Estas audicións son unha oportunidade única para gozar da evolución do alumnado e, quen sabe, para animarse a formar parte da nosa Escola".

⚙ Configurar cookies
0.087326049804688