A Escola de Música de Ribadeo contará con ascensor e cunha rampla de acceso polo lateral do edificio

AMariñaXa
Desta maneira, o Concello eliminará as barreiras arquitectónicas cunha subvención de 40.000 euros concedida pola Xunta de Galicia
lateral-escola-de-música-Ribadeo
12 Xuño 2024

O Concello eliminará as barreiras arquitectónicas da EMMeD, que contará con ascensor e cunha rampla de acceso polo lateral do edificio grazas a unha subvención de 40.000 euros concedida pola Xunta de Galicia.

O alcalde, Dani Vega, confirmou que “a Xunta de Galicia concede unha subvención para a eliminación de barreiras arquitectónicas na Escola de Música de Ribadeo. Un obxectivo claro é mellorar a accesibilidade e eliminar as barreiras arquitectónicas. Por iso, en primeiro lugar vamos eliminar o escalón da entrada lateral, construíndo unha rampla de acceso. E tamén melloraremos a accesibilidade desde esa entrada ao local de ensaio na planta baixa e instalarase un ascensor”.

Para o rexedor “iso era o fundamental, xa non solo mellorar todo o peche da escola, as ventás, senón tamén eliminar as barreiras arquitectónicas que tiña este edificio. Era un tema que reivindicábamos dende a oposición e agora que estamos no goberno, cumprimos coa palabra e facemos estas melloras”.

Veiga indicou que “esta subvención de máis de 40.000 euros beneficia directamente a Ribadeo, contribúe a mellorar a accesibilidade dos edificios públicos, dos edificios municipais e pouco a pouco vamos mellorando neste escaso tempo os inmobles de titularidade municipal que teñen un obxectivo moi claro, neste caso a Escola de Música, educar e formar novos alumnos”.

0.21063113212585