A Escola de Música de Foz presenta 'Eufonía', un novo proxecto coral cheo de emoción

A Escola de Música de Foz dá un paso adiante na súa aposta pola formación artística coa estrea oficial de “Eufonía”, un novo proxecto coral que verá a luz o venres 30 de maio ás 21:00 horas na igrexa parroquial. A proposta, que nace da iniciativa do director e docente Felipe Sánchez, tamén conta coa colaboración do profesor Adán Domínguez, e pretende consolidarse como un espazo estable para o desenvolvemento coral no municipio.
Con arredor de 20 integrantes, algúns deles procedentes da coral polifónica local, “Eufonía” xorde como resposta ao entusiasmo dos propios alumnos e alumnas da Aula Coral do centro, que desexaban continuar avanzando na práctica deste xénero. “É un proxecto cheo de ilusión, motivación e capacidade para medrar con forza”, sinala Felipe Sánchez, que destaca tamén o impulso recibido tras a realización, no pasado mes de xullo, dun curso con Javier Fajardo, recoñecido director coral, que “marcou un antes e un despois na evolución do grupo”.
A presentación de “Eufonía” non será un concerto convencional. O colectivo decidiu enriquecer a experiencia co uso de poesía recitada e proxeccións visuais, que servirán de fío condutor para un repertorio estruturado en bloques temáticos. Os sentimentos vinculados á perda, ao amor e á paisaxe serán os eixes sobre os que xirará esta primeira actuación pública. A pianista e profesora Carla Alvariño colaborará nalgunhas das pezas, achegando matices adicionais ao son coral.
A Escola de Música de Foz, que supera os 200 alumnos e alumnas nas distintas especialidades, continúa así a ampliar a súa oferta educativa e artística. Ademais da Aula Coral, impártense materias como Prebanda infantil, Orquestra de jazz ou Aula de música moderna, consolidando o centro como un referente musical na comarca.
Desde “Eufonía” convidan a toda a veciñanza a asistir a esta estrea, que prometen será un espectáculo cargado de emoción, sensibilidade e beleza sonora.