A EOI de Viveiro enriquecerá a súa biblioteca cunha doazón do arquivo persoal de Luz Pozo Garza

A Escola Oficial de Idiomas de Viveiro celebrará o Día Internacional do Libro cun acto moi especial e cargado de simbolismo. O vindeiro mércores 23 de abril, ás 12:00 horas, a súa biblioteca acollerá unha doazón de libros pertencentes ao arquivo persoal da poeta Luz Pozo Garza, cuxo nome leva este centro educativo.
A entrega será realizada por Gonzalo Vázquez Pozo, fillo da escritora viveirense, quen acudirá á escola para compartir co público esta valiosa achega cultural. O fondo doado inclúe obras de literatura inglesa e americana, así como traducións ao castelán de títulos destacados da literatura universal.
A EOI abre este acto ao público xeral, convidando á cidadanía a participar desta homenaxe á literatura e á figura de Luz Pozo Garza, unha das grandes voces poéticas de Galicia. Trátase dunha oportunidade única para coñecer máis de preto o legado literario da autora e para reforzar o compromiso da escola co acceso á cultura e á lectura.