A EOI de Viveiro celebrou o seu primeiro club de lectura en galego
A Escola Oficial de Idiomas de Viveiro Luz Pozo Garza celebrou o seu primeiro club de lectura en galego, unha iniciativa que contou coa presenza da recoñecida escritora burelá Antía Yáñez.
Antía Yáñez é enxeñeira de formación e compaxina a súa actividade profesional á fronte dunha academia en Cecebre coa organización de obradoiros literarios. A súa traxectoria literaria abarca desde o relato curto, co que obtivo galardóns como o premio Os Viadutos, o Xaime Illa Couto ou o Certame Literario de Cambre, ata a narrativa infantil, xuvenil e para adultos. Entre as súas obras máis destacadas figuran títulos como 'O misterio de Portomarín' (2016) e a súa continuación 'O misterio do torque de Burela' (2019), así como a novela distópica 'Be Water' (2019) ou 'Plan de rescate' (2020), obra premiada co Agustín Fernández Paz pola Igualdade.
Na súa produción para adultos, Yáñez publicou a novela 'Senlleiras' (2018), galardoada co Premio Illa Nova, ademais de participar na obra colectiva 'Entre Donas' (2020). A súa incursión máis recente na colección Narrativa de Xerais inclúe 'Non penses nun elefante rosa' (2022) e a súa última novela 'O clan das Barbies' (2024), protagonista deste encontro literario.
Durante o club de lectura, as persoas asistentes tiveron a oportunidade de afondar na súa obra máis recente, 'O clan das Barbies', unha novela que pon o foco na sororidade, na loita contra a precariedade, a discriminación e a explotación. A autora destacou os aspectos fundamentais da obra, trasladando aos participantes unha historia chea de forza e reivindicacións.
A Escola Oficial de Idiomas agradeceu a excelente acollida desta primeira sesión e anunciou que o segundo club de lectura terá lugar no mes de xaneiro, convidando á comunidade a seguir participando nesta iniciativa cultural.