A Enfariñada de Trabada consolídase como referente gastronómico da Mariña

Trabada converteuse un ano máis en epicentro da gastronomía tradicional coa celebración da sexta edición da Enfariñada, unha festa popular que segue gañando peso no calendario cultural da Mariña lucense. Centos de persoas achegáronse ata a praza do Concello para participar nesta homenaxe aos faragullos, un prato típico da zona elaborado con touciño, ovos, leite, fariña e auga, que forma parte da identidade culinaria do municipio.

A Deputación de Lugo apoiou o evento cunha achega de 10.000 euros, e o deputado de Medio Ambiente, Carlos López, destacou “a importancia de conservar e poñer en valor tradicións como esta, que fortalecen o tecido local e actúan como atractivo turístico”. Subliñou tamén o esforzo do Concello trabadense por manter viva esta receita ancestral.
Ademais da degustación gastronómica, a xornada completouse cun mercado de produtos locais, artesanía e alimentación, así como coa actuación musical do grupo tradicional Tumba e Dalle e Lume, que animou unha festa xa consolidada no corazón da comarca.