A EMMeD de Ribadeo pecha o curso cun festival este sábado
A Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo vai camiño de pechar o curso 2022/2023; farao de xeito oficial este sábado, 17 de xuño, ás 11.30 e ás 18.00 horas. Na función de mañá actuará o alumnado máis cativo da escola e xa na de tarde as agrupacións máis numerosas do centro.
Hugo García, o responsable da EMMeD, salientou que “o festival será, unha vez máis, un festival que non deixará a ninguén indiferente. Tentamos sorprender á xente cun festival concibido para que o desfruten non só no plano musical, que por suposto que o farán, senón tamén na ambientación, nas presentacións…”. García indicou que “a Escola continúa traballando cunha das súas características fundacionais, que é o feito de achegar a música ao conxunto de veciños e veciñas da vila”.
O responsable do centro valora de maneira “moi positiva” o curso 2022/2023 e considera que “é preciso seguir traballando tal e como o vimos facendo até o de agora para manter e aumentar o nivel formativo e máis a calidade das actividades que organizamos”. A pesar destes anos de incerteza sanitaria o centro mantivo o número de matrículas, con preto de 360 persoas inscritas, e tamén o número de docentes, trece.
A dirección da EMMeD de Ribadeo xa traballa na preparación do curso 2023/2024 no que non haberá grandes cambios. Pero, antes de pechar o mes de xuño, a EMMeD de Ribadeo achegarase a varias parroquias ribadenses para ofrecer pequenos concertos continuando así co proxecto Musiqueando polas parroquias e celebrará unha xornada de portas abertas na que o profesorado do centro explicará as distintas disciplinas que se imparten. Será o día 28 de xuño entre as 16:00 e as 18:00 horas na sede da propia Escola.