A EMMeD de Ribadeo celebrará un Nadal diferente cun festival virtual
A Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo porá fin a este primeiro trimestre cunha actuación diferente debido á situación sanitaria actual.
Desde a EMMeD explican que “se decidiu, por precaución e responsabilidade, non celebrar o tradicional Festival de Nadal de xeito presencial. A sabendas de que este festival, xunto co de fin de curso, son os que máis éxito teñen tanto entre o alumnado coma entre o público, publicarase o día 21 de decembro tanto na páxina web da EMMeD coma nas redes sociais, un festival virtual que diferentes especialidades gravarán ao longo desta semana”.
Desde a Escola “queremos agradecer a toda a comunidade educativa o comportamento exemplar no centro, cumprindo estritamente todas as normas indicadas nos protocolos. Así mesmo, resaltar unha vez máis, o apoio incondicional que desde a Concellaría de Ensino se brinda á EMMeD”.