A EMMeD de Ribadeo celebra este sábado o seu Festival de Nadal

AMariñaXa
O alumnado máis novo actuará ás 11:30 horas e as grandes agrupacións subirán ao escenario ás 18:00, nun programa que combina panxoliñas, música moderna e tradición
Musica-Clasica
11 Dec 2025

A Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo xa ten todo preparado para a celebración do seu tradicional Festival de Nadal, que terá lugar este sábado, 13 de decembro, no Auditorio Municipal Hernán Naval. O evento desenvolverase en dúas funcións: unha matinal, ás 11:30 horas, coa participación do alumnado máis pequeno, e outra pola tarde, ás 18:00 horas, protagonizada polas agrupacións das diferentes especialidades instrumentais e de danza.

O programa inclúe panxoliñas, pezas contemporáneas e composicións da tradición galega. Desde a dirección subliñan que “o Festival de Nadal é, xunto co de fin de curso, un dos actos máis agardados tanto polo alumnado como polo público, e por iso cada ano buscamos introducir novidades no repertorio e na posta en escena para seguir sorprendendo”.

A cita volve ter tamén unha importante vertente solidaria. Entre o día 9 e o sábado, a EMMeD está a recoller produtos típicos destas datas —turróns, polvoróns, mazapáns e doces de Nadal— que serán entregados ao departamento de Servizos Sociais do Concello para a súa distribución entre familias con menos recursos. “Agradecemos de antemán a colaboración da veciñanza, porque cada pequena achega axuda a que estas festas sexan un pouco mellores para moitas persoas”, engaden desde o centro.

A Escola lembra que a formación en valores é un dos piares do seu proxecto educativo: “ao longo de todo o curso traballamos a solidariedade, a igualdade e o respecto, elementos fundamentais no desenvolvemento integral do alumnado”.

⚙ Configurar cookies
0.076324939727783