A elite do tiro ao voo volverá a darse cita en Viveiro o 15 de agosto

O tradicional concurso de tiro ao voo que se celebra cada verán en Viveiro chega este 2025 á súa 47ª edición. A Gran Tirada Concello de Viveiro, organizada polo Club de Tiro “San Roque”, desenvolverase o vindeiro 15 de agosto nas instalacións deste colectivo deportivo, situadas na parroquia de Landrove. A cita é xa un clásico no calendario galego desta disciplina, reunindo a algúns dos mellores tiradores do país.
A proba contará cunha participación limitada a 84 deportistas, que deberán enfrontarse a un total de 100 pratos no foso olímpico. Para iso dispoñerán de dúas canchas equipadas con 30 máquinas Rossini. Os seis mellores da clasificación xeral terán que competir nun desempate final, cun custo adicional de 7 euros, para dilucidar as primeiras posicións.
Os premios principais inclúen 600 euros para o primeiro clasificado, 400 para o segundo, 300 para o terceiro, 200 para o cuarto e 150 euros para o quinto e sexto. Ademais, establecerase un premio adicional por cada tres tiradores de cada categoría, ata rematar a listaxe de participantes. Tamén haberá trofeos específicos para as categorías de Damas, Xuvenís, Veteranos e Veteranos Máster.
O sistema de competición contempla catro categorías con cadanseus premios. A primeira contará con cinco galardóns, mentres que a segunda ofrecerá ata dez recoñecementos. A terceira repartirá premios entre os dez mellores tiradores da súa categoría, e a cuarta contará con cinco recompensas.
A inscrición única para participar custa 60 euros, cun agasallo incluído para os socios do club. A organización lembra que é imprescindible reservar praza con antelación, a través de WhatsApp no número 616 933 646, a partir do día 13 de agosto ás 19.00 horas. Os responsables do evento tamén advirten que poderían modificar o valor dos premios en función do número final de inscritos.
O Club de Tiro “San Roque”, con décadas de traxectoria, consolida así unha edición máis un evento deportivo que combina tradición, competitividade e prestixio, co apoio do Concello de Viveiro.