A Editorial Galaxia recibirá a distinción mindoniense de Cunqueiriano de Honra 2025

O venres 28 de febreiro, a Editorial Galaxia recibirá a distinción de Cunqueiriana de Honra 2025 nun acto que terá lugar no Salón de Plenos do Concello de Mondoñedo ás 12:00 horas. A laudatio correrá a cargo de César Cunqueiro, fillo do escritor, e a editorial converterase na novena homenaxeada desde a creación deste recoñecemento.
O galardón, promovido polo Concello de Mondoñedo e a Casa Museo Álvaro Cunqueiro, busca recoñecer o labor de persoas e entidades que contribuíron á visibilización e difusión da figura e obra do escritor mindoniense. Neste 2025, a comisión organizadora recoñece o forte vínculo histórico entre a Editorial Galaxia e Cunqueiro, xa que foi neste selo editorial onde se publicaron as súas obras máis emblemáticas e onde a súa produción literaria foi amplamente divulgada.
A Editorial Galaxia, que celebra neste 2025 o seu 75 aniversario, desempeñou un papel fundamental na recuperación da figura de Álvaro Cunqueiro durante a Posguerra. A editorial publicou títulos tan destacados como Merlín e familia (1955), As crónicas do sochantre (1956), Escola de menciñeiros (1960) ou Si o vello Sinbad volvese ás illas (1961). Nos últimos anos do autor, tamén se encargou de editar obras como Xente de aquí e acolá (1971), Os outros feirantes (1979) e a súa Obra en galego completa (1980). En tempos recentes, a editorial reeditou todos estes títulos dentro da Biblioteca Álvaro Cunqueiro e ampliou a súa colección con recompilacións da súa poesía, teatro e xornalismo. Ademais, na súa división Mar Maior, publicou novas edicións de El año del cometa, Flores del año mil y pico de ave, Merlín y familia e Vida y fugas de Fanto Fantini.
A elección da Editorial Galaxia como entidade Cunqueiriana de Honra de 2025 foi tomada por unha comisión formada por César Cunqueiro (fillo do escritor), Claudio Rodríguez Fer (Cunqueiriano de Honra do ano anterior), Alberto García Fernández (concelleiro de Cultura, Educación e Xuventude), Antonio Reigosa (cronista oficial de Mondoñedo), Abel Vigo García (arqueólogo municipal), Miguel González Somovilla (xornalista e estudoso da obra de Cunqueiro) e Armando Requeixo (coordinador da Casa Museo Álvaro Cunqueiro).
Este recoñecemento tamén serve como homenaxe a figuras clave da Editorial Galaxia, como Francisco Fernández del Riego, Ramón Piñeiro, Xaime Illa Couto ou Domingo García-Sabell, quen impulsaron a escrita e proxección autorial de Cunqueiro desde os primeiros anos da editorial.
A distinción inclúe unha placa conmemorativa e un diploma acreditativo, consolidando a traxectoria destes nomeamentos, que en anos anteriores recoñeceron figuras como Darío Villanueva, Víctor F. Freixanes, Rexina Vega, César Antonio Molina, Manuel Lourenzo ou Claudio Rodríguez Fer, entre outros.
Con este galardón, o Concello de Mondoñedo e a Casa Museo Álvaro Cunqueiro reafírmanse no seu compromiso coa preservación e promoción da obra do escritor mindoniense, garantindo que a súa memoria e legado continúen vivos para as xeracións futuras.