A dotación cultural do Museo do Mar de Cervo aumentarase coa adquisición dunha parcela
O prezo que o ente local ofrece, de 155.000 euros, é o resultado dunha valoración técnica, tendo en conta que dita parcela pasou de ser de uso residencial a uso dotacional.
O Concello de Cervo pretende aumentar a dotación cultural do Museo do Mar, mediante a adquisición dunha parcela que limita co edificio, que foi de titularidade municipal ata o ano 1942.
Naquelas datas o Concello vendeu o que os propietarios actuais lle pediron que se lles vendera, unha parcela de 1500 metros cadrados, fronte á praia do Torno, localizada nun entorno privilexiado de San Ciprián, para a construción dunha vivenda de uso vacacional.
Dende a entidade local solicitan á actual propiedade a mesma xenerosidade que no seu día mostrou a administración facilitando a venda deste solar, tan ben localizado, a esta familia.
O prezo que se ofrece desde o Concello, que ascende a 155.000 euros, é o resultado dunha valoración técnica obxectiva. Esta depreciación do solar nace froito do uso da parcela, posto que pasou de ser de uso residencial a uso dotacional.
Desde a entidade local lembran á Deputación Provincial de Lugo, administración encargada actualmente da xestión do museo, que xa se fixo unha petición - tras un acordo plenario a finais do ano 2021 - para que se fixera cargo da adquisición deste solar, da cal aínda non se obtivo ningún tipo de resposta.
O alcalde, Alfonso Villares, apela “á xenerosidade que naquela época mostrou a administración pública vendendo esta propiedade de titularidade municipal, que ademais se atopa nunha localización privilexiada, para que a actual propiedade se mostre igual de xenerosa”.
Sinala o rexedor que “desde a nosa corporación municipal xa levamos refrendando moitos anos, en concreto dende 2005, a nosa aposta pola dotación cultural do Museo do Mar.
Por último engade que “a adquisición desta parcela é un paso máis que damos dende o Concello de Cervo á hora de poñer en valor o noso patrimonio histórico e cultural, posto que alén de Sargadelos, que é o eixo cultural do noso municipio, o mar é as súas xentes gozan dun papel principal”.