A documentación do parque eólico Fonte Barreiros volverá a realizarse por un erro

AMariñaXa
A publicación da documentación do parque eólico Fonte Barreiros volverá a realizarse por un erro na mesma documentación
parque eólico
5 Nov 2021

Os Concellos de Barreiros e Ribadeo tiveron coñecemento de que a publicación realizada no BOE sobre o proxecto eólico Fonte Barreiros que prevé a instalación de xeradores en ambos municipios contén erros na documentación, polo que deberá ser publicada novamente e sometida a un novo prazo de exposición pública durante 30 días. 

A alcaldesa de Barreiros explica que desde os servizos técnicos municipais xa se realizou un primeiro análise e se trasladaron algunhas consideracións técnicas sobre o mesmo e as liñas de evacuación, ao tempo que se solicitou a ampliación de determinada información para poder emitir un informe o máis adecuado posible á realidade do proxecto. 

Neste momento, o proxecto atópase no trámite da autorización administrativa previa, de información pública e informe  ambiental, polo que a información é moi incipiente e debe analizarse ao detalle para tratar de analizar o impacto e adoptar unha posición con todos os datos enriba da mesa.

O proxecto publicado no BOE do 14 de outubro, que establecía de prazo de alegacións ata o 26 de novembro, deberá ser publicado novamente, abrindo un novo prazo; polo que as alegacións poderán presentarse ata máis adiante. 

O promotor é Green Capital Development 100, SL e prevé a instalación de 16 aeroxeradores (en principio 8 deles en Barreiros e 8 en Ribadeo) de tres pas de 170m de diámetro e 135m de altura de pau, que sumarían unha potencia de 96MW.

Desde os Concellos sinalan que o parque proxectado responde a un modelo que está proliferando no noso País nos últimos tempos e que provoca un gran impacto no territorio, polo que desde farán unha análise pormenorizada para ver a incidencia e, especialmente, a repercusión nos municipios e nas vidas das persoas que residen neles. 

Ambos rexedores manifestaron a escasa capacidade de actuación que teñen as entidades locais e anunciaron que en canto teñan toda a información a trasladarán para coñecemento público, xunto cos informes técnicos e as consideracións que poidan emitir.

0.16802883148193