A diocese de Mondoñedo-Ferrol súmase ao Ano Xubilar Franciscano polo 800 aniversario de san Francisco

A diocese de Mondoñedo-Ferrol participará activamente no Ano Xubilar Franciscano convocado pola Santa Sé con motivo do 800 aniversario do tránsito de san Francisco de Asís, que se desenvolverá entre o 10 de xaneiro de 2026 e o 10 de xaneiro de 2027. Esta conmemoración marca oito séculos da morte do santo italiano, falecido en 1226, cuxo legado de pobreza evanxélica, fraternidade e amor á creación continúa a inspirar á Igrexa universal.
Este aniversario forma parte dun itinerario conmemorativo iniciado nos últimos anos no ámbito franciscano, no que se lembraron feitos clave da vida do santo, como a creación do primeiro belén, a composición do Cántico das criaturas ou a recepción dos estigmas. Para esta ocasión, a Penitenciaría Apostólica concedeu un Ano Xubilar especial, permitindo aos fieis obter a indulxencia plenaria mediante as condicións habituais e a peregrinación a templos vinculados á espiritualidade franciscana.
No marco desta celebración, a comunidade de clarisas de Ribadeo, en colaboración coa UPA, promove unha convocatoria especial no mosteiro de Santa Clara. O acto central será a eucaristía xubilar do sábado 7, ás 19.00 horas, presidida polo bispo de Mondoñedo-Ferrol, Fernando García Cadiñanos. Previamente, ás 18.00 horas, celebrarase un encontro fraterno aberto á participación da comunidade e da veciñanza.