A Deputación supervisa a obra do muro do cemiterio de Altamira de Viveiro
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, supervisou os traballos de reparación do muro de contención do cemiterio de Altamira, en Viveiro, danado por unha riada. A institución provincial investiu máis de 91.000 euros nesta actuación, que garante a estabilidade do recinto. O mandatario provincial comprobou as obras acometidas, xunto á deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e coa alcaldesa da localidade mariñana, María Loureiro García.
Ademais da reparación estrutural da parede, que presentaba problemas de asentamento na esquina situada contra o apeadoiro de tren na Ponte Labrada, renovouse un tramo de recollida de pluviais deteriorado e humanizouse a parte interior do recinto nesta parte sur con beirarrúas e a instalación dunha varanda. A Deputación de Lugo sufragou o custe total dos traballos e da redacción do proxecto.
“Tratábase dunha actuación moi importante para a veciñanza de Viveiro e que tiña a súa complexidade polo acceso limitado da zona, que só contaba cun camiño de 1,5 metros de ancho por un dos lados”, explicou o Presidente. Tomé Roca argumentou que esta colaboración co Concello de Viveiro “proba unha vez máis o compromiso de colaboración da Deputación de Lugo con todos os municipios da provincia para sacar adiante actuacións importantes para os veciños e veciñas”.
Con estes traballos, a institución provincial resolveu os problemas estruturais nesa parte do cemiterio municipal, que se incrementaron a raíz da riada acontecida en Viveiro en novembro de 2018 e que causaron importantes danos en diferentes lugares do concello, moi especialmente no barrio da Xunqueira.