A Deputación reclamará á Xunta un plan integral de atención sociosanitaria para maiores

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
No Pleno deste martes quedou aprobada unha moción dos socialistas para que o Executivo autonómico garanta o acceso aos servizos sanitarios a aquelas persoas que o necesiten
equipo-de-goberno-deputacion-xullo-2024
Equipo de Goberno da Deputación de camiño ao Pleno
31 Xul 2024

A Deputación de Lugo reclamará á Xunta de Galicia o deseño dun Plan Integral de Atención Sociosanitaria que garanta o acceso aos servizos sanitarios das persoas maiores e das persoas dependentes, tanto do medio urbano como do rural, residan nos seus domicilios ou en establecementos vencellados á rede asistencial pública ou privada. Así se acordou no Pleno ordinario do mes de xullo celebrado este martes no Pazo de San Marcos, tras a moción presentada polos socialistas, que foi aprobada por unanimidade cos votos a favor do PSdeG e do BNG e cos votos en contra do PP.

Antes de comezar coa sesión provincial, o Presidente da Deputación, José Tomé Roca, explicou que con esta iniciativa os socialistas queren “impedir que a Xunta de Galicia faga trampas ao solitario”. Explicou que a o Executivo galego “pretende esixir ás outras administracións cuestións que non se esixe a si mesma ou que non lle esixe á privada”. E valorou que no que ten que ver coa atención sociosanitaria, “a Xunta non nos vai a dar exemplo”.

Explicou o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, que o cambio que propón facer a Xunta ao decreto que regula as condicións e requisitos específicos que deben cumprir os centros de atención a maiores “ten un carácter lesivo para os centros de menor tamaño” -como os que compoñen a rede da Deputación- porque a ratio de persoal de enfermería con que obriga a contar resulta máis custoso para os centros pequenos que para os de carácter masificado que propón o Executivo autonómico.

“Resulta inevitable sospeitar da mala intención da Xunta cando na súa proposta de cambio di que pensa consultar a todos os actores afectados pola medida e non consultou, por exemplo, a esta Deputación”, valorou Rivera. Lembrou que a institución provincial trata de cubrir coa súa rede de residencias as carencias e o desleixo da Xunta en materia de coidado de maiores e dependentes e reprochou que o Executivo galego se sitúa “moi por debaixo” da media de gasto en dependencia respecto a outras comunidades autónomas, dedicando 4.726 euros por cada persoa dependente –e reducindo a cantidade en 130 por persoa con respecto ao 2022- e lonxe da media, que se sitúa en 6.100 por dependente”.

O texto da moción aprobada reclama ademais que o Plan garanta o acceso á carteira de servizos sanitarios de todas as persoas usuarias dos centros da rede asistencial a maiores –residencias, fogares asistenciais ou vivendas comunitarias- de xeito que non se produzan situacións de desigualdade en función da tipoloxía do centro, do seu tamaño o do seu tipo de xestión. Inclúen ademais a demanda do reforzo inmediato dos servizos sanitarios do rural, especialmente no que fai referencia a Atención Primaria; e o reforzo do persoal de enfermaría, así como dos medios materiais necesarios para garantir a atención ou traslado a centros sanitarios dos maiores usuarios de residencias sempre que o precisen.

Anulación da suba do canon de recollida de lixo

O Pleno tamén sacou adiante outra moción do PSdeG para reclamar á Xunta de Galicia que anule a suba do canon de recollida de lixo anunciada por Sogama o pasado mes de xuño aos Concellos. A iniciativa saíu adiante cos votos a favor dos socialistas e do BNG e coa abstención do PP.

“É unha vergonza que queiran cubrir coa súa mala xestión de Sogama unha suba dun 33% a taxa do lixo e que haberá que repercutir a partir do ano que vén aos cidadáns”, explicou Tomé Roca, “queren trasladar a súa incompetencia e o desastre no que converteron Sogama aos Concellos e aos cidadáns”. “O que queremos os socialistas é que melloren a xestión de Sogama, que non faga falta cobrar estas altas cantidades e que non lle boten a culpa aos demais, porque quen acordou esta suba foron precisamente Sogama e a Xunta de Galicia”.

Co acordo adoptado no Pleno, a institución provincial esixe tamén que se empregue a totalidade dos 12,1 millóns de euros cos que está dotado o Fondo Ambiental como alternativa á suba do canon, con criterios de poboación e toneladas de lixo; que a Xunta faga ademais unha achega suplementaria pola cantidade total recadada en concepto de imposto sobre o depósito de residuos en vertedoiros e a incineración e a coincineración de residuos que xa está a recadar; que o Executivo tome ademais medidas para incrementar a eficacia da reciclaxe e reverter os seus beneficios na veciñanza; e que Xunta e Sogama abran unha comisión de traballo coa Fegamp para deseñar o canon para o 2025, tendo en conta a situación e necesidades dos concellos.

Agrupamentos de cursos e recortes en Educación

O Pleno da Deputación de Lugo reclama á Xunta de Galicia tamén que reverta os agrupamentos de cursos de infantil e primaria que proxecta para o vindeiro curso nunha decena de centros educativos.

A iniciativa do BNG, e pese ao voto en contra do PP, o pleno provincial reclama á Consellería de Educación que respecte os ratios que estableceu e suspenda os agrupamentos e recortes de persoal previstos nos colexios da Fonsagrada, Alfoz, Baleira, Bóveda, Ribas de Sil, Sober, Bóveda ou Pantón, onde as ANPAS se están mobilizando para manter a calidade do ensino.

Na defensa da moción, a deputada Iria Castro denunciou “a mentira e traizón do Partido Popular á comunidade educativa” , incumprindo “un acordo que ratificou con pomposidade en campaña preelectoral” e que impediría os agrupamentos de aulas de distinto nivel e mesmo ciclo con 14 alumnas e alumnas ou de aulas de distinto nivel e distinto ciclo con 12 alumnas e alumnos

A deputada lamentou que “os deputados provinciais do Partido Popular avalen o agrupamento de cursos de infantil e primaria, xuntando aulas que cumpren as ratios, como ocorre na Fonsagrada” e atribuíu a decisión da Xunta de Galicia “a unha estratexia para baleirar de servizos públicos o rural”.

A moción reclama tamén a Xunta de Galiza o reforzo de persoal docente nos centros que o precisen, priorizando os que teñen maior número de alumnado con Necesidades Educativas Especial, e o incremento do orzamento destinado á educación que, como lembrou a deputada no debate plenario, en Galicia é do 9.9 por cento do orzamento, 5 puntos por baixo da media estatal.

Toma de posesión dun novo deputado

Tamén durante o Pleno deste martes o alcalde do Incio, Héctor Manuel Corujo González, tomou posesión como deputado provincial do PP en substitución de Carmen José López Pérez.

0.20517992973328