A Deputación realiza unha achega para construir un circuíto de pump track en Trabada
A Deputación de Lugo realiza unha achega de 105.000 euros ao Concello de Trabada para impulsar a creación de novas instalacións deportivas e mellorar varias vías municipais. O presidente, José Tomé Roca, asinou no Pazo de San Marcos o acordo de colaboración co alcalde, Rubén García Freije.
José Tomé afirmou que institución provincial renova esta colaboración no marco do seu compromiso de cooperación cos concellos da provincia, especialmente aqueles de menor tamaño, como é o caso de Trabada. A Deputación, como institución clave para o desenvolvemento territorial, detallou o mandatario provincial, ten como razón de ser apoiar aos municipios na prestación de servizos e na realización de proxectos que melloren a calidade de vida da veciñanza. Grazas a estas colaboracións, os concellos máis pequenos poden acometer actuacións que, pola súa limitada capacidade económica, serían difíciles de levar a cabo en solitario, garantindo así a igualdade de oportunidades e o acceso a mellores infraestruturas e servizos para todos os seus veciños e veciñas.
UN CIRCUÍTO DE PUMP TRACK
A principal partida do financiamento destinarase á construción dun circuíto de pump track para bicicletas e monopatíns, unha infraestrutura que se localizará no complexo deportivo de Santa María, entre o colexio e a piscina municipal. Esta nova instalación ocupará unha superficie de aproximadamente 600 m² e estará rodeada por outras dotacións deportivas existentes, como unha pista de pádel, unha pista multideporte, unha tirolina e un campo de bolos celtas.
O proxecto incluirá a limpeza e preparación do terreo mediante desbroce e retirada de materiais sobrantes; a creación dunha base sólida con capas de formigón armado e materiais seleccionados para garantir a durabilidade da instalación e a colocación dun circuíto modular deseñado para permitir a práctica segura deste deporte tanto por principiantes como por usuarios avanzados.
A construción do pump track reflicte o compromiso do Concello de Trabada por fomentar o deporte ao aire libre e promover un estilo de vida saudable entre os seus veciños, ademais de ampliar as actividades dispoñibles para a mocidade.
MELLORA DE VÍAS MUNICIPAIS EN SANTE E VILAFORMÁN
Outra parte da achega da Deputación financiará proxectos de acondicionamento viario que mellorarán a conectividade nas parroquias de Sante e Vilaformán.
Por unha banda, vaise actuar nos accesos a Pena Quente, na parroquia de Sante, cunha pavimentación dun tramo de 356 metros de lonxitude e un ancho entre 3,2 e 4 metros, ao tempo que tamén se vai actuar nun ramal de 70 metros que presenta deterioro polo paso do tempo.
Por outra banda, na parroquia de Vilaformán, acometerase a mellora dos accesos a Vilaxuá e A Igrexa. No acceso a Vilaxuá pavimentarase o camiño con formigón armado, instalaranse sistemas de drenaxe e construírase un murete de contención dun metro de altura para garantir a estabilidade do terreo nas zonas con pendente. Así mesmo, no vial de acceso á Igrexa renovarase o firme tras corrixir as deformacións existentes, e limparanse as cunetas para optimizar a evacuación da auga.