A Deputación organiza esta fin de semana un curso de manexo de colmeas en Cervo para combater a vespa velutina
A área de Rural, Mar e Mocidade da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, en colaboración coa Casa do Mel de Goente, organiza esta fin de semana un curso especializado no manexo de colmeas para apicultores e apicultoras de Cervo. O principal obxectivo da formación é capacitar aos participantes na loita contra a vespa velutina, unha das maiores ameazas para as colmeas de abellas autóctonas.
A parte teórica do curso desenvolverase no Museo do Mar, mentres que a parte práctica terá lugar en colmeas locais, onde os asistentes poderán aplicar os métodos preventivos aprendidos. A formación, que é gratuíta, completou xa todas as súas prazas, reflectindo o elevado interese na loita contra esta especie invasora.
Este curso en Cervo forma parte dun programa de formación en apicultura que a Deputación de Lugo iniciou o pasado mes de xuño. Ata o momento, xa se organizaron cursos en diferentes localidades como Vilalba, O Valadouro, Xove, Muras, Pantón e Mondoñedo, abordando diversas cuestións clave para o desenvolvemento desta actividade.
Daniel García, deputado da área de Rural, sinalou que "o programa ofrece formación en temas de gran interese para o sector apícola, desde o incremento da produción de mel ata as técnicas para protexer as colmeas fronte á velutina, un problema que preocupa profundamente aos apicultores".
A iniciativa concluirá cunha formación similar no concello de Mondoñedo os días 23 e 24 de setembro, que se realizará no IES San Rosendo.