A Deputación mellora a seguridade viaria en Foz cun ambicioso plan de renovación de estradas

Foz
AMariñaXa
As obras afectan ao 41 % da rede provincial no municipio e inclúen actuacións en oito vías, cun investimento global de 390.000 euros
FOZ-Inicio-traballos-de-aglomerado-LU-P-2009
O alcalde de Foz e o concelleiro de Festas xunto cos organizadores da romaría
7 May 2025

A Deputación de Lugo vén de iniciar esta semana os traballos de mellora na estrada LU-P-2009, no concello de Foz, unha vía estratéxica que conecta o peirao da vila co núcleo de Bispo Santo pasando pola rúa Corporacións e Marzán. A intervención abrangue os máis de 3 quilómetros desta vía provincial e inclúe a reapertura de cunetas, a mellora do firme e a renovación da sinalización horizontal.

Os traballos divídense en tres tramos, e nestes momentos estase a aplicar o novo aglomerado en quente nun treito duns dous quilómetros, despois do fresado do pavimento existente. Tamén se procederá á substitución das marcas viarias reflexivas, zonas de aparcadoiro e pasos de peóns. Na contorna do campo de fútbol Martínez Otero instalaranse separadores de gota, co obxectivo de aumentar a seguridade viaria nunha zona moi concorrida polos veciños.

No tramo final da vía, entre os puntos quilométricos 1,820 e 3, realizarase unha limpeza integral das cunetas, eliminarase a vexetación, retiraranse aterros e procederase á limpeza das canalizacións para garantir unha drenaxe adecuada.

Esta actuación forma parte dun proxecto máis amplo, cun orzamento de 390.000 euros, que abrangue a mellora de oito estradas no municipio e que ten un prazo de execución de tres meses. En total, as obras renovarán o 41% da rede viaria provincial ao seu paso por Foz.

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, subliñou que se trata dunha “intervención estratéxica” para mellorar a conectividade entre o interior do concello e a zona costeira, especialmente de cara á época estival, cando o volume de tráfico se incrementa de forma notable.

O plan enmárcase dentro do Plan de Mellora das Estradas 2025, co que a Deputación reitera o seu compromiso coa Mariña lucense e cunha mobilidade segura e eficiente. Máis do 21% do orzamento provincial para este ano —un total de 27 millóns de euros— está dedicado á conservación e mellora da rede viaria, a máis extensa de todo o Estado, con máis de 4.200 quilómetros.

⚙ Configurar cookies
0.16593790054321