A Deputación mellora a rede viaria das catro parroquias de Lourenzá

TerraChaXa | AMariñaXa
4 Feb 2019

Viarios municipais das catro parroquias do concello de Lourenzá están sendo mellorados con maquinaria do parque provincial da Deputación de Lugo. As obras foron supervisadas pola alcaldesa, Rocío López, e os concelleiros Mercedes Dengra e Mario Leitón.

A rexedora municipal explicou que “nestes últimos meses as máquinas do parque provincial da Deputación de Lugo realizaron traballos de limpeza en varios viarios do concello de Lourenzá, en total actuouse en máis de 40 quilómetros de redes municipais. Leváronse a cabo tarefas de limpeza de cunetas e de vías en moitas estradas das distintas parroquias; intentamos ver aquelas que se atopaban en peores circunstancias e presentaban un peor estado de conservación, fomos establecendo unha prioridade e así actuamos nos distintos barrios do concello das catro parroquias”.

Rocío López engadiu que “a principios do pasado mes de xaneiro empezáronse os labores de rego e de asfaltado, tamén con máquinas do parque provincial, e está previsto arranxar varios viarios nas distintas parroquias e barrios do concello para ir así mellorando a calidade das nosas infraestruturas e mellorando con iso a calidade de vida dos nosos veciños, sobre todo rural. Este é un dos principais obxectivos que se fixou este equipo de goberno no ano 2015, cando entramos a gobernar. E penso que estamos conseguindo esa mellora da situación na que se atopaba o rural aquí, en Lourenzá”.

0.14665412902832