A Deputación inviste na renovación do peche da Marosa en Burela

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
A  voceira socialista do Goberno da Deputación, Pilar García Porto, informou de que a Xunta de Goberno deste venres aprobou un convenio de colaboración co Concello de Burela, por valor de 52.
80347444_2518167678403256_2918629508279959552_n
16 Oct 2020

A  voceira socialista do Goberno da Deputación, Pilar García Porto, informou de que a Xunta de Goberno deste venres aprobou un convenio de colaboración co Concello de Burela, por valor de 52.000 euros, para a reposición do peche do campo de herba artificial da Marosa. 

Os traballos consistirán na substitución parcial do peche do campo, fondo sur e este, cunha malla electrosoldada. Isto facilitará o acceso a aseos e vestiarios ás persoas con mobilidade reducida. Así mesmo, aproveitarase para substituír os bancos dos dous equipos e levar a cabo a canalización do campo. O prazo de execución é de un mes. 

García Porto explicou que a colaboración económica da Deputación “responde a unha necesidade plantexada polo Concello de Burela, que, á súa vez, recolle a demada dos equipos que xogan e adestran neste campo”. 

O campo de herba artificial da Marosa, de titularidade municipal, é usado polos equipos de base da Asociación para o Fomento do Deporte (AFD) Porto de Burela, onde xogan de locais. Ademais, serve como campo de adestramento para os xogadores da SD Burela, que milita en Primeira División Rexional.

A voceira provincial socialista lembrou que a achega económica de 52.000€ aprobada hoxe pola Deputación para acometer as obras de reposición do peche do campo da Marosa súmase aos 150.000€ que xa aportou a Deputación con anterioridade para renovar os vestiarios e a iluminación do recinto. 

Administración electrónica

García Porto informou de que a Xunta de Goberno aprobou a licitación do servizo de mantemento e de melloras nas aplicacións de administración electrónica da Deputación por un importe de 45.000 euros. O contrato terá unha duración de un ano, coa posibilidade de dúas prórrogas anuais. 

“As aplicacións de administración electrónica da Deputación permiten aos cidadáns comunicarse por medios electrónicos coa Deputación, pero tamén son un piar fundamental para a dixitalización da administración e para facilitar non só o intercambio de datos entre as entidades, senón para permitir o traballo non presencial, algo que se impulsou notablemente durante este último ano”, explicou a Deputada.

Estas aplicacións inclúen un rexistro electrónico de documentos e unha sede electrónica que permite aos veciños e veciñas remitir documentación á Deputación, presentar instancias e solicitudes dende a súa casa de forma segura e fiable a través de medios electrónicos, utilizando os seus ordenadores ou dispositivos móbiles. 

Ademais, permiten realizar unha xestión electrónica completa de todo o expediente electrónico: dixitalizando toda a documentación que o conforma, incorporando sistemas áxiles de sinatura electrónica e sistemas de supervisión e control; o que permite non só axilizar a súa tramitación interna, acortando os tempos de resolución, senón tamén ter un maior control da información do expediente, gañar en transparencia, compartir información entre diferentes entidades eliminando duplicidades de documentación, e deslocalizar a tramitación do expediente permitindo traballar a varios funcionarios ao mesmo tempo e independentemente do lugar onde estean traballando.

“O contrato aprobado hoxe pola Deputación permitirá, non só garantir a continuidade e o bo funcionamento das aplicacións que conforman o sistema de administración electrónica da institución, senón que tamén permitirá engadir melloras e novas funcionalidades que faciliten a súa utilización e a relación entre a Deputación e a cidadanía por medios electrónicos”, asegurou a voceira socialista do Goberno. 

Investigación histórica

Por outra banda, a Xunta de Goberno deu luz verde a unha achega de 25.000 euros á Fundación Luis Tilve para colaborar no financiamento do Proxecto de investigación sobre a reorganización do movemento obreiro na provincia de Lugo e a súa repercusión en Galicia (1945-1990). 

A realización deste proxecto permitirá reconstruír a historia do movemento obreiro na provincia, dos seus traballadores, e da reorganización e reconstrución da democracia e das liberdades sociais. Así mesmo, a iniciativa axudará a recuperar o patrimonio histórico documental xerado por estes movementos, a fin de clasificalo, difundilo e poñelo a disposición dos historiadores e dos veciños e veciñas. 

Remanentes do Plan Único no Valadouro

A Xunta de Goberno aprobou así mesmo este venres a solicitude do Concello do Valadouro de destinar remanentes do Plan Único de Cooperación cos Concellos 2019 por importe de 16.500 euros para o acondicionamento da herba na piscina municipal e a rehabilitación da rotonda que da acceso ao municipio.  

0.13378286361694