A Deputación inviste na mellora do local social dos veciños de Carballido, en Alfoz
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, comprobou as melloras realizadas no local social da asociación de veciños San Sebastián de Carballido, no concello de Alfoz, grazas a unha achega da institución provincial por un importe de 16.645 euros. Os traballos consistiron na reparación da cuberta e as escaleiras que comunican a planta baixa co primeiro andar.
Tomé Roca estivo acompañado polo alcalde, Jorge Val Díaz, e o presidente do colectivo alfocense, Jesús Paz Pumares, ante os que destacou a importancia desta actuación, que “mostra a implicación da Deputación cos concellos, pero tamén co tecido asociativo de toda a provincia para que poidan desenvolver mellor a súa actividade”. A asociación de veciños San Sebastián de Carballido é moi activa e está formada por xente nova, “que son o futuro da provincia. As institucións deben estar do lado destas persoas que se involucran co obxectivo de impulsar o rural e recuperar actividades que fagan comunidade”.
Esta acción súmase ao compromiso de colaboración da Deputación de Lugo co Concello de Alfoz. A institución provincial financiou a construción dunha nova nave almacén de maquinaria municipal cunha achega provincial de 115.300 euros e 4.435 de achega municipal. Esta nave de 350 metros cadrados, que se atopa en proceso de construción, dará cabida a 2 tractores desbrozadora, 1 motobomba, 1 pala mixta, 1 camión grúa pequeno e 1 vehículo todoterreo. “Na actualidade este municipio non conta cunhas instalacións que permitan gardar a maquinaria en boas condicións para protexelas da intemperie e evitar posibles roubos, que xa se teñen producido”, destacou Tomé Roca.
Colaboración con Alfoz
O Plan Único de Cooperación cos Concellos ten previsto un investimento en Alfoz de 274.404,09 euros. Está previsto que se leve a cabo a pavimentación de accesos a núcleos urbanos, a ampliación e reforma de instalacións de alumeado público, a rehabilitación da fonte da Grela e a adquisición de materiais de equipamento para a mellora do centro sociocultural xuvenil e da terceira idade do municipio.
Así mesmo, este programa provincial prevé un investimento de case 36.000 euros para o Servizo de Axuda no Fogar e máis de 63.000 euros para o fomento do emprego. Tamén se levarán a cabo actividades culturais, deportivas para nenos e adultos e a realización de actividades de promoción turística. A Administración electrónica e a protección de datos conta cunha achega de preto de 7.000 euros.
“Estas cifras demostran o claro compromiso deste goberno co Concello de Alfoz e a súa veciñanza para a mellora dos servizos públicos e, deste xeito, mellorar a vida da xente”, manifestou o Presidente. “Este compromiso con Alfoz tamén se produce co resto de concellos da provincia, porque a prioridade da Deputación de Lugo é colaborar cos Concellos para que poidan ofrecer máis e mellores servizos públicos á cidadanía”, explicou José Tomé.