A Deputación investirá na mellora da estrada de San Acisclo, en Foz
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, anunciou o ensanche e mellora da estrada provincial LU-P-0210, que une A Seara, en Alfoz, e San Acisclo, en Foz. Tomé Roca, responsable da área de Xestión Territorial, avanzou a realización deste proxecto durante a visita que realizou esta mañá a Foz, xunto á deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e o alcalde do municipio, Francisco Cajoto Caserío.
O mandatario provincial explicou que o proxecto xa está redactado e en proceso de revisión para a súa aprobación proximamente na Xunta de Goberno. O investimento da Deputación será duns 130.000 euros, entre as propias obras e a compra por mutuo acordo dos terreos necesarios. Así mesmo, informou que os traballos, que se levarán a cabo entre os puntos quilométricos 5,1 e 5,3, consistirán na ampliación e acondicionamento da vía con aglomerado en quente, así como na dotación de iluminación e beirarrúas.
O presidente subliñou que con estas actuacións “resolvemos un problema de seguridade, pois actualmente a vía é moi estreita e está deteriorada, dificultando a condución aos viaxeiros”. Neste eido, José Tomé explicou que se verán beneficiados numerosos veciños e veciñas ao tratarse dunha estrada que soporta moito tráfico ao ser unha das vías que une Foz con Alfoz, sendo o camiño máis corto para chegar á costa da Mariña, ademais de pasar moitos camións debido ao serradoiro situado nesa estrada”.
Máis melloras en dotacións públicas de Foz
O presidente aproveitou a visita para supervisar actuacións acometidas pola Deputación no concello de Foz. Concretamente, a institución provincial, a través do Parque Móbil, acaba de rematar a mellora con emulsión asfáltica de case quilómetro e medio da estrada de Brea, na parroquia de Nois.
Ademais, actualmente os traballadores da Deputación están acondicionando con rego asfáltico un total de 4.300m2 de tres estacionamentos municipais. Son o estacionamento da rúa do Castro, o da rúa do Pilar e o da Sala Bahía. Os traballos teñen un custe no mercado duns 60.000€, importe que a Deputación aforra ao Concello ao asumir as obras co Parque Móbil para que poida investir noutras necesidades no municipio.
A mellora da rede viaria, unha prioridade
José Tomé destacou que, dende o principio do mandato, “marcamos como prioridade a mellora da rede viaria provincial porque cremos que a mobilidade contribúe de forma moi importante ao equilibrio territorial e á mellora da calidade de vida dos veciños e veciñas. Creo que dende o Goberno estamos respondendo a ese compromiso con feitos e con obras como as que estamos acometendo e como as que seguiremos facendo en Xermade”, subliñou Tomé Roca, quen lembrou que a institución provincial ten a día de hoxe en marcha obras en estradas provinciais que supoñen un investimento duns 5M€.