A Deputación investirá máis de 1,6 millóns en melloras viarias no Concello de Xove

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o alcalde de Xove, José Demetrio Salgueiro Rapa, asinaron un convenio de colaboración polo que o organismo provincial investirá 1.636.807,30 euros no acondicionamento de catro vías do municipio e na cesión ao concello das dez estradas provinciais que vertebran o seu territorio.
O acordo, formalizado na Casa Consistorial de Xove, supón a transferencia de 45 quilómetros de vías e estenderase ao longo de catro anualidades. Inclúe melloras en catro estradas concretas: a LU-P-2601, a LU-P-6606, a LU-P-2604 e a LU-P-2605.
José Tomé destacou que esta actuación responde á filosofía da Deputación de “cooperación e asistencia a todos os concellos da provincia” e subliñou que se realiza “sen distincións de ningún tipo e sen importar a cor política, porque cremos que é así como se constrúe un territorio máis vertebrado, máis igualitario e con máis oportunidades para toda a veciñanza”.
O mandatario provincial puxo este convenio en relación con outras iniciativas similares, como a recente cesión ao Concello de Palas de Rei dun tramo urbano da LU-P-2901, e indicou que esta colaboración con Xove “mellorará a mobilidade, a seguridade e a calidade de vida dos veciños e veciñas”.
No que respecta ás actuacións concretas, investirase preto de 478.000 euros na segunda fase do acondicionamento da LU-P-2601, que conecta a estrada autonómica LU-862 con Portiño de Morás, mellorando un treito de algo máis de dous quilómetros comprendido entre os puntos quilométricos 2,850 e 5,524. Con esta intervención quedará renovado o trazado completo da vía.
Tamén se realizarán melloras nun treito da LU-P-6606, que une Augadoce con Fontao por Faro, cun orzamento de máis de 141.000 euros, actuando entre os puntos quilométricos 2,222 e 4,629.
A LU-P-2604, que discorre desde a LU-862 ata Valcarria por Monte, será rehabilitada na súa totalidade cun investimento que rolda os 857.000 euros.
Por último, acometerase a mellora do firme da LU-P-2605, que comunica A Tronca con Tarolo por Vila, cun custo algo superior aos 160.000 euros.
Unha vez finalizadas estas obras e aprobada a cesión en sesión plenaria, a Deputación transferirá oficialmente ao Concello de Xove a titularidade destas estradas xunto con outras seis máis: a LU-P-2602, que vai de Porto de Morás a Beltrán; a LU-P-2603, desde a LU-862 ata a LU-P-2061 por Chao de Aldea; a LU-P-2606, que une Xove con A Rocha; a LU-P-2607, entre Cruceiro e Portecelo; a LU-P-2609, entre Sumoas e Toimil; e a LU-P-2610, que conecta Vara coa Área pola praia de Esteiro.
Con esta actuación, a Deputación e o Concello avanzan nun modelo de xestión máis próximo e eficaz das infraestruturas viarias, que redundará en beneficio directo para a veciñanza de Xove.