A Deputación investirá en Barreiros 230.000 euros para obras no abastecemento e axudas sociais

AMariñaXa
Destinará os cargos á mellora das infraestruturas do ciclo da auga, a modernizar a EDAR e á dotación de material ortopédico para maiores
Pilar-García-Porto
17 Oct 2025

No que ten que ver coa Cooperación cos Concellos, anunciou Pilar García Porto que a Xunta de Goberno aprobou dous convenios de colaboración: un co concello de Cervantes e outro co de Barreiros. "Demostramos semana a semana que ser o Concello dos concellos é a idea vertebradora de toda a nosa acción de Goberno. Fixádevos que con estes dous convenios que sacamos adiante imos mellorar o servizo que prestan estes dous concellos a máis de 4.200 persoas”.

Na Mariña, a Deputación de Lugo achegará a Barreiros 230.000 euros para acadar un orzamento de 237.135,91 que contempla tres actuacións.

A primeira é a mellora das infraestruturas de abastecemento. Explicou García Porto que “este verán volveron darse situacións de falta de subministración no barrio de Merille, en San Cosme, e no barrio da Ínsua, en San Xulián de Cabarcos”. E que para solucionar este problema axudarán a financiar a execución dunha nova rede de distribución de auga en Merille, o que permitirá eliminar a conexión entre ambos barrios e así, a Insua recibirá un maior caudal de auga, dando solución ó problema en ambos núcleos.

A segunda consistirá en modernizar a EDAR. O investimento da Deputación financiará cinco traballos encamiñados á modernización, reparación e dixitalización que inclúen a substitución de equipos, instalación de elementos auxiliares e integración no sistema de xestión municipal. “Estas dúas primeiras actuacións teñen que ver coa situación que aparellou para este concello o desenvolvemento dun urbanismo descontrolado, autorizando a execución de vivendas sen garantir a dotación dos servizos básicos necesarios”, valorou.

A terceira actuación ten que ver coa crecente demanda dos servizos sociais por parte dunha poboación cada vez máis envellecida e dependente –no caso de Barreiros, o 34% da poboación ten máis de 65 anos- e consistirá na dotación de material ortopédico. “Un material que servirá para reforzar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que en Barreiros dá servizo a preto de 70 fogares, e o servizo de préstamo que presta o Concello”, explicou.

⚙ Configurar cookies
0.078764915466309