A Deputación inicia a renovación do firme na estrada LU-P-6101 en Trabada

A Deputación de Lugo vén de poñer en marcha as obras de mellora do firme na estrada provincial LU-P-6101, que conecta Trabadela (LU-P-6104) con Sante e A Ría (N-640), nun treito que abrangue dende o quilómetro 1+300 ata o 3+500.
Esta actuación, cun orzamento total de 130.776,58 euros (IVE incluído), contempla labores de limpeza das cunetas e o estendido de aglomerado en quente, co obxectivo de reforzar a seguridade viaria e proporcionar unha circulación máis cómoda para os usuarios.
O alcalde de Trabada, Rubén García Freije, valorou de forma moi positiva a intervención, subliñando que se trata dunha obra “moi necesaria, pois esta vía comunica diferentes parroquias do municipio e é esencial para moitos veciños e veciñas”. Ademais, destacou que a estrada presta servizo a numerosas explotacións agrícolas e gandeiras, polo que a súa renovación terá un impacto directo na actividade económica local.
Dende o goberno local agradeceron á Deputación a execución destas obras, que consideran unha mellora evidente para a mobilidade e a calidade de vida da veciñanza. As intervencións contribuirán tamén a conservar unha infraestrutura vital para o desenvolvemento do rural e a vertebración territorial.