O 7 de outubro arrinca a cuarta edición da Mariña en ruta
O 7 de outubro arrinca a cuarta edición deste programa de outono de visitas e rutas guiadas en torno á cultura e natureza da Mariña Lucense, A Mariña en ruta, proxecto promovido pola Mancomunidade de Concellos coa colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo. Ata finais de novembro desenvolveranse 16 actividades, unha por cada concello que conforma o xeodestino e onde a artesanía da comarca terá un papel destacado. Será durante as fins de semana e tamén os festivos 12 de outubro e 1 de novembro. O acto de presentación tivo lugar este mediodía no Cenima, en Foz.
O presidente da Mancomunidade de Concellos da Mariña, Fran Cajoto, subliñou que “tras o éxito de A Mariña en Ruta nos anos 2020, 2021 e 2022 con máis de 700 participantes nas 3 edicións celebradas, o proxecto pretende continuar neste 2023 dando a coñecer a riqueza natural e cultural dos diferentes municipios do xeodestino a través da organización de diferentes visitas e rutas guiadas da man de axentes e guías de turismo locais onde a artesanía terá un protagonismo especial. Será a través dos obradoiros que reciben visitas das Rutas de Artesanía. A continuidade deste programa afianza a figura destes axentes e guías de turismo locais así como a calidade e diversidade de opcións de ecoturismo existentes na Mariña Lucense fóra da tempada de verán”.
A axente de Desenvolvemento Turístico da Mancomunidade, Tania Hermida, explicou que “esta cuarta edición, que conta para o seu desenvolvemento, coordinación e execución coa colaboración da empresa de turismo activo e axencia de viaxes Volta Montana, e que como novidade, co fin de aunar e coordinar esforzos, conta tamén coa programación de visitas aos obradoiros artesáns do territorio, supón a valorización do entorno natural, a historia, a etnografía, a artesanía, etc… da Mariña Lucense a través de 16 actividades polos 16 concellos que conforman o xeodestino”.
E indicou que “o proxecto ofrece propostas diferenciadoras, diversas e inclusivas, presentándose como un escaparate ideal para gozar con maior intensidade dos recursos da Mariña Lucense, visitando o noso patrimonio da man de expertos anfitrións, guías locais e experimentados no territorio”.
Éxito da pasada edición
Fran Cajoto aludiu ao éxito da terceira edición deste programa de visitas e rutas guiadas pola Mariña: “o ano pasado A Mariña en ruta contou de novo con moi boa acollida. Durante os meses de outubro e novembro gozaron desta proposta mais de 140 persoas, cubríndose aproximadamente o 80% das prazas dispoñibles. O 100% dos enquisados trasladáronnos que o programa debería ter continuidade no tempo, xa que dinamiza a oferta cultural da Mariña Lucense e que recomendarían a experiencia a outras persoas. A valoración xeral da iniciativa foi de 9,5 sobre un máximo de dez e os guías -peza fundamental da proposta- foron tamén moi ben valorados cun 8,9 sobre 10”.
E lembrou que “as procedencias dos participantes foi principalmente da provincia de Lugo (74,5%), con participación tamén de visitantes da Coruña (12%) e Asturias (8%). A idade media foi de 48 anos e houbo unha maior presenza feminina (65%)”.
O presidente da Mancomunidade manifestou que “co elevado nivel de resposta obtido ao programa e os datos de avaliación tan positivos, seguimos apostando por este proxecto neste 2023 con algunha novidade co fin de sumar esforzos e presentar propostas novidosas, dando unha nova oportunidade á xente que se quedou sen desfrutar do noso territorio deste xeito tan especial”.
A Mariña en Ruta desenvolverase as fins de semana de outubro e novembro así coma os festivos 12 de outubro e 1 de novembro. As actividades terán unha duración de 2 a 4 horas e poderán participar un máximo de 25 persoas mais o guía en cada un. O prezo será de 5 euros para individual; 8 euros para parella; 12 euros para familias ou grupos de ata 5 membros. A información sobre a rutas e as reservas de prazas realizarase de forma automática a través da web de Turismo de A Mariña Lucense https://amarinalucense.gal/es/a-marina-en-ruta .
Rutas do mes de outubro
- Sábado 7 - O río Sor e a natureza agochada nos seus meandros, O Vicedo. Con Boris Vilar.
- Xoves 12 - San Miguel de Reinante: comercio, indianos e fidalgos, Barreiros. Con Sofía López.
- Sábado 14 - Riotorto, terra de ferreiros. Con Boris Vilar.
- Domingo 15 - Segredos e Lendas en Foz. Con Carmen Delia Díaz, La Guiateca e o artesán Daniel Caxigueiro.
- Sábado 21 - Trabada, viaxe ao pasado pola Fraga da Becerreira. Guía pendente de confirmar.
- Sábado 28 - San Cibrao e o seu mar, Cervo. Con Noela Feal.
- Domingo 29 - Ruta dos Fornos e Mina Consuelo, A Pontenova. Con Tirolina das Minas e o Ferreiro artesán Rodil.
As actividades do mes de novembro daranse a coñecer en próximos días.
“Outra novidade desta edición é que os ingresos derivados do custe simbólico das actividades irán dedicados a accións vinculadas a contribuír aos obxectivos de sostibilidade e previr, mitigar ou compensar a pegada ecolóxica que poda supoñer este programa”, subliñou Tania Hermida.
No acto celebrado no Cenima tomou tamén a palabra a xefa da Área de Turismo da Xunta en Lugo, Paloma Vázquez, e asistiron representantes dos Concellos de Viveiro, de Cervo, e do Valadouro, así como algunhas das guías que participan neste programa.