A Deputación impulsa melloras viarias en A Mariña

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo vén de aprobar unha nova batería de investimentos para o acondicionamento da rede viaria provincial, cun orzamento total que supera os 2,6 millóns de euros. A voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, destacou o compromiso da institución con “unha mobilidade segura e moderna, executando actuacións semana tras semana por toda a provincia”.
Un dos proxectos destacados é o que se desenvolverá entre A Pontenova e Trabada, cun investimento de 195.970 euros para a mellora dos primeiros catro quilómetros da LU-P-6102, vía que conecta Pontepedrido con Trabada pola parroquia de Vilaformán. As obras inclúen a limpeza de cunetas, o asfaltado e a renovación da sinalización horizontal, cun prazo de execución de tres meses.
No concello do Vicedo, a Deputación destinará 328.213 euros a traballos de mellora en dous treitos das estradas provinciais LU-P-6401 (de Suegos a Folcoeira) e LU-P-6402 (do Vicedo ao Cristo de Portapena), así como nun ramal de máis dun quilómetro e medio na zona de Negradas. A intervención contempla pavimentación con aglomerado en quente, reapertura de cunetas e nova sinalización.
Tamén se contempla unha actuación no interior da provincia, entre Lourenzá e Mondoñedo. Alí investiranse 204.799 euros na rehabilitación de 3,7 quilómetros da LU-P-2806, que conecta Cazolga coa parroquia de Oirán. As melloras, que se realizarán ao comezo da vía, consistirán no reacondicionamento das cunetas, aplicación de novo firme e pintado de marcas viarias.
Outro dos puntos salientables desta sesión da Xunta de Goberno foi a aprobación dun convenio de colaboración co Concello de Xove, dotado con 1.636.807 euros, que permitirá acometer diversas obras en estradas da súa contorna e proceder á súa posterior cesión ao municipio. García Porto lembrou que esta fórmula xa se aplicou en Palas de Rei e permitirá “responder á demanda do Concello mariñán”.
En concreto, acondicionarase na súa totalidade a estrada LU-P-2601, desde a LU-862 ata o Portiño de Morás, rematando así a súa mellora integral. Tamén se renovará o firme da LU-P-2604 (ata Valcarria por Monte), da LU-P-2605 (entre A Tronca e Tarolo por Vila), e dun treito de máis de dous quilómetros da LU-P-6606 (de Augadoce a Fontao por Faro). Unha vez completadas estas actuacións, a Deputación transferirá ao Concello as dez vías que discorren polo municipio.
Estas accións enmárcanse na estratexia de modernización da rede viaria da Deputación de Lugo, con atención tanto aos núcleos rurais como ás conexións intermunicipais. Desde o ente provincial insisten en que “apostamos por mellorar a seguridade, facilitar o tránsito veciñal e impulsar o desenvolvemento económico a través dunha infraestrutura viaria eficiente”.