A Deputación impulsa con máis de 20.000 euros a VIII Romaxe Viquinga do Vicedo

A Casa da Cultura do Vicedo acolleu este mércores a presentación oficial da VIII edición da Romaxe Viquinga, unha celebración xa consolidada no calendario festivo da Mariña que terá lugar o vindeiro 26 de xullo na praia de Area Grande. O Deputado de Recursos Sostibles, Francisco Cajoto Caserío, anunciou durante o acto que a Deputación de Lugo destinará máis de 20.000 euros para apoiar economicamente esta recreación histórica.
Cajoto definiu a romaxe como unha “homenaxe á nosa historia e á nosa identidade costeira”, destacando a súa capacidade para evocar a relación milenaria do pobo galego co mar e cos encontros culturais que marcaron o seu devir. “É un evento que mestura tradición e modernidade, memoria e imaxinación”, asegurou o deputado, quen destacou o respaldo da Deputación a través do Plan Deputación, un programa que, segundo explicou, “permite apoiar aos concellos e á veciñanza en proxectos que manteñen vivo o noso patrimonio inmaterial”.
Durante a presentación participaron tamén o alcalde do Vicedo, José Novo, e integrantes da compañía Queiman e Pousa, responsable das actividades da festa. Entre eles estaban o artista Quique Bruxo Queiman e a cantante Andrea Pousa, que volverán dar vida a un evento que combina rigor histórico e entretemento para todos os públicos.
Como vén sendo habitual, a Romaxe Viquinga do Vicedo incluirá recreacións do desembarco das tropas normandas e da súa loita contra os exércitos do rei Ramiro I. Haberá, ademais, espectáculos de época, combates, animación musical e actividades dirixidas tanto a nenos como a adultos.