A Deputación impulsa a renovación da estrada LU-P-6101 entre Trabadela e A Ría

AMariñaXa
As obras, cun investimento de máis de 130.000 euros, mellorarán a seguridade e a conexión entre parroquias mariñás en Trabada
Trabada-Aglomerado-estrada-LU-P-6101
25 Apr 2025

A Deputación de Lugo vén de dar un novo paso no acondicionamento da rede viaria provincial coa mellora da estrada LU-P-6101, que conecta Trabadela e A Ría a través de Sante. Esta semana comezou o estendido do novo aglomerado, dentro dun proxecto que contempla unha actuación sobre 2,2 quilómetros de vía, concretamente entre os puntos quilométricos 1,300 e 3,500.

A obra inclúe traballos de apertura de cunetas, pavimentación con aglomerado en quente, instalación de balizas e nova sinalización horizontal, mediante marcas reflexivas de cor branca. O prazo de execución estimado é de dous meses.

O investimento da Deputación para esta fase ascende a 130.776,58 euros, que se suman aos case 176.000 euros xa destinados á mellora do tramo entre os puntos quilométricos 3,554 e 7,556. En total, a renovación da LU-P-6101 supón un esforzo económico de máis de 305.000 euros, coa renovación case completa desta vía.

Desde o ente provincial destacan a relevancia desta actuación, xa que a LU-P-6101 vertebra o norte do concello de Trabada, conecta varias parroquias da Mariña e une a estrada LU-P-6104 coa N-640, unha das principais arterias de comunicación da zona.

Esta aposta pola mellora das comunicacións busca incrementar a seguridade viaria, facilitar a mobilidade diaria da veciñanza e reforzar a accesibilidade a núcleos rurais que dependen destas infraestruturas para o seu desenvolvemento económico e social.

⚙ Configurar cookies
0.16479706764221