A Deputación impulsa a mellora da estrada entre o Barrio Novo e a Praia do Coto en Barreiros

A Deputación de Lugo iniciou esta semana os traballos de renovación do firme da estrada LU-P-0611, unha vía estratéxica que conecta o núcleo do Barrio Novo coa Praia do Coto, no concello de Barreiros. A actuación supón un investimento próximo aos 210.000 euros e permitirá mellorar o trazado na súa totalidade, que se estende ao longo de algo máis de dous quilómetros.
As obras están a ser executadas pola empresa Grupo Bascuas 2008 SL, e teñen un prazo estimado de dous meses. Os labores inclúen a limpeza de cunetas, a pavimentación do firme con aglomerado en quente, a aplicación de sinalización horizontal con marcas brancas reflexivas, así como a substitución da sinalización vertical.
Desde a Deputación destacan a importancia desta intervención para o municipio da Mariña, especialmente durante o verán, cando o tránsito nesta estrada aumenta de forma significativa. A LU-P-0611 actúa como vía de conexión entre a estrada nacional N-634 e a LU-P-0610, que dá acceso a unha das zonas máis frecuentadas polos visitantes: a Praia do Coto.
A renovación desta infraestrutura permitirá garantir unhas condicións óptimas de seguridade e confort para todas as persoas usuarias, ao tempo que reforza a accesibilidade a un dos principais atractivos turísticos da zona.