A Deputación impulsa a mellora da estrada das praias en Barreiros cun investimento de máis de 200.000 euros

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo continúa avanzando na modernización da rede viaria provincial cun novo paquete de actuacións valorado en 718.954,37 euros. Así o anunciou esta semana a voceira socialista do Goberno provincial, Pilar García Porto, quen destacou que “seguimos cumprindo co noso compromiso de mellorar as infraestruturas viarias con axilidade e eficacia”.
Unha das intervencións máis salientables será a que se realizará no concello de Barreiros, onde se licitaron as obras de mellora do treito inicial da estrada LU-P-0610, que conecta os núcleos de Altar, Reinante e a coñecida glorieta das Catedrais. Esta vía constitúe un dos principais accesos ás praias da zona, polo que o seu acondicionamento terá un impacto directo tanto no tráfico local como no turismo.
En concreto, os traballos abranguerán algo máis dun quilómetro e medio, entre os puntos quilométricos 0,150 e 1,422, no tramo urbano da estrada. As actuacións previstas inclúen a reapertura de cunetas, melloras no sistema de drenaxe, renovación do alumeado público, pavimentación con aglomerado en quente e nova sinalización e equipamento viario. O investimento destinado a esta obra ascende a 206.357,73 euros e o prazo de execución establecido é de tres meses.
“Esta será unha actuación moi relevante para Barreiros”, afirmou García Porto, quen subliñou que “non só servirá para mellorar o firme desta estrada, senón tamén para transformar a imaxe da zona das praias, un dos principais reclamos turísticos do concello e de toda A Mariña, que cada verán recibe milleiros de visitantes”.
Con esta intervención, a Deputación reafirma a súa aposta por unha rede viaria máis segura e moderna, ao tempo que promove o desenvolvemento económico e turístico dos concellos da provincia.