A Deputación ensalza o labor social de Saúde Mental A Mariña no seu 25 aniversario
A deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, Carmela López Moreno, participou este sábado na Gala XXV aniversario da asociación Saúde Mental A Mariña que se celebrou na Praza dos Campos de San Cibrao, en Cervo. Unha cita benéfica que organizou o colectivo social para conmemorar esta data e á que asistiron máis de 200 persoas.
López Moreno felicitou ao colectivo por estes 25 anos, valorando o traballo realizado e os avances acadados cos usuarios e usuarias, pero tamén coas familias, pois este colectivo, dixo, “puxo á Mariña e á provincia de Lugo á cabeza en número de prazas de residencias para persoas con problemas mentais”. Así mesmo, apuntou que “dende a Deputación cremos que é preciso dar máis visibilidade e concienciación social, romper o silencio para acabar co estigma que sofren moitas persoas que padecen enfermidades mentais”.
A Deputada quixo lembrar que dentro das súas competencias, a institución provincial mantén alianzas e colaboracións con entidades e asociacións coma esta para avanzar nestes obxectivos. De feito, destina de forma anual 15.000 euros a esta asociación. Unha colaboración que enmarcou na "decidida aposta que temos polas políticas sociais, que son xa un sinal de identidade da Deputación de Lugo, e ás que lle dedicamos máis dun terzo do presuposto”.