A Deputación e o Concello de Viveiro asinan un convenio de colaboración

AMariñaXa
Para desenvolver varias actuacións dirixidas a mellorar infraestruturas deportivas e a reforzar servizos públicos
281224-Sinatura-convenio-Viveiro
28 Dec 2024

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asina coa alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, un convenio de colaboración de máis de 105.000 euros para desenvolver varias actuacións dirixidas a mellorar infraestruturas deportivas e a reforzar servizos públicos neste municipio.

José Tomé informou que “a institución provincial achega practicamente o 95 % do orzamento total, 101.500 euros, mentres que a entidade local asume o 5 % restante, 5.430,56 euros , e sinalou que “este convenio permitirá desenvolver unha serie de proxectos que beneficiarán de xeito directo á veciñanza viveirense”.

Nese sentido explicou que “se mellorarán instalacións deportivas a través da adquisición de dous termos para o vestiario do campo de fútbol; a instalación dun marcador electrónico no polideportivo municipal ou a dotación de equipamento para a sala de musculación da piscina municipal, entre outras actuacións”.

Pola súa banda, María Loureiro agradeceu o apoio da institución provincial e recalcou que “tamén se inclúen 8.500 euros para mellorar o alumeado público na rúa Rosalía de Castro e outros 3.300 euros para o alumeado de Nadal”. A rexedora tamén sinalou que “outra das liñas que se inclúen neste acordo é a compra de material informático para os equipos municipais co fin de continuar ofrecendo máis e mellores servizos públicos aos veciños e veciñas”.

0.16389489173889