A Deputación e o Concello de Barreiros investirán preto de 240.000 euros en melloras básicas de servizos

AMariñaXa
O acordo permitirá modernizar a rede de auga en Merille, renovar a depuradora municipal e adquirir material ortopédico para reforzar o Servizo de Axuda no Fogar
Barreiros-Sinatura-do-convenio-con-Deputacion-2025
2 Nov 2025

A Deputación de Lugo e o Concello de Barreiros acaban de pechar un acordo de colaboración que permitirá avanzar en tres actuacións fundamentais para o municipio mariñán: a mellora do abastecemento de auga, a modernización da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) e a adquisición de material ortopédico destinado aos servizos sociais municipais.

O presidente da Deputación, José Tomé Roca, asinou o convenio coa segunda tenente de alcaldesa de Barreiros, Carmen Veiga Rodríguez, nun acto celebrado no Pazo de San Marcos. O ente provincial achegará 230.000 euros, mentres que o Concello completará o orzamento cunha achega de 7.135,91 euros, ata acadar un investimento total de preto de 240.000 euros.

Segundo explicou Tomé, trátase dun “proxecto integral que responde ás necesidades reais do municipio e mellora servizos esenciais para a veciñanza”. A primeira das actuacións será a execución dunha nova rede de distribución de auga en Merille, destinada a resolver os problemas de subministración que se rexistraron nos barrios de San Cosme e da Ínsua, especialmente durante o verán. A nova infraestrutura permitirá eliminar a conexión entre ambas zonas e garantir un maior caudal para a Ínsua, o que suporá, segundo indicaron dende o Concello, “un alivio para moitas familias que sufriron cortes reiterados de auga”.

O investimento tamén permitirá modernizar e dixitalizar a EDAR de Barreiros, unha infraestrutura que viña presentando deficiencias derivadas do crecemento urbanístico descontrolado de anos anteriores. Cos fondos achegados pola Deputación realizaranse cinco actuacións principais, entre elas a substitución de equipos, instalación de novos compoñentes auxiliares e integración no sistema de xestión municipal. A segunda tenente de alcaldesa, Carmen Veiga, destacou que estas melloras “permitirán optimizar o funcionamento da depuradora e garantir un tratamento máis eficiente das augas residuais”.

A terceira liña de actuación abrangue a dotación de material ortopédico para reforzar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e o servizo municipal de préstamo. En Barreiros, o SAF presta atención a preto de setenta fogares, moitos deles con persoas maiores ou con dependencia. “A demanda de servizos sociais aumenta cada ano, porque o noso municipio ten unha poboación cada vez máis envellecida”, explicou Veiga, quen lembrou que o 34% dos veciños de Barreiros ten máis de 65 anos.

Tomé destacou que esta colaboración “exemplifica a aposta da Deputación pola cooperación cos concellos pequenos, que precisan apoio técnico e económico para mellorar o día a día da veciñanza”. Engadiu que o investimento “non só mellora infraestruturas básicas, senón que tamén repercute directamente na calidade de vida e na seguridade das persoas”.

Os traballos previstos iniciaranse nas próximas semanas e contarán cun prazo de execución de tres meses desde o seu inicio. A previsión é que a nova rede de abastecemento estea operativa antes do verán e que a modernización da EDAR quede completada ao longo do primeiro semestre do próximo ano.

⚙ Configurar cookies
0.1438889503479