A Deputación e o Concello da Pontenova mellorarán os accesos á parroquia de Conforto

AMariñaXa
A institución provincial achega máis de 137.000 euros para renovar a vía que conecta coa Ermida de San Antonio e varias vivendas da zona
PONTENOVA-Sinatura-convenio-2025-deputacion
13 Oct 2025

A Deputación de Lugo e o Concello da Pontenova selaron un novo acordo de colaboración destinado a mellorar as comunicacións no rural. O presidente provincial, José Tomé Roca, e o alcalde da Pontenova, Darío Campos Conde, asinaron na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos un convenio mediante o cal a institución provincial achegará 137.151 euros para acondicionar a rede viaria da parroquia de Santa María de Conforto.

Durante o acto, José Tomé destacou que “continuamos colaborando cos concellos da provincia para que poidan ofrecer máis e mellores servizos aos seus veciños e veciñas”. O mandatario subliñou que esta actuación “responde a un dos grandes desafíos que ten esta parroquia do rural: mellorar a accesibilidade e as comunicacións, cuestión fundamental para garantir a calidade de vida da veciñanza”.

O presidente provincial incidiu ademais en que este investimento “é un exemplo máis do compromiso firme que mantemos desde a Deputación co rural da provincia”. “Acondicionando as comunicacións locais —engadiu— tamén contribuímos a dinamizar o turismo e a actividade hostaleira”.

O convenio permitirá renovar a vía municipal que conecta a estrada provincial LU-P-4809 coa Ermida de San Antonio, unha infraestrutura que dá servizo directo a un establecemento hostaleiro e a varias vivendas.

As obras previstas inclúen a reapertura das cunetas, a pavimentación con aglomerado en quente e a instalación da sinalización horizontal mediante marcas reflexivas brancas unha vez completado o novo firme.

Dende o Concello da Pontenova destacaron a importancia desta intervención, que permitirá mellorar un tramo moi utilizado pola veciñanza e polos visitantes que se achegan á zona. “É unha actuación que dá resposta a unha demanda veciñal e que reforza a aposta pola seguridade viaria e polo desenvolvemento equilibrado do noso territorio”, sinalaron.

⚙ Configurar cookies
0.057683944702148