A Deputación e a Mancomunidade renovan o seu apoio para impulsar a Mariña como xeodestino estratéxico

A Deputación de Lugo e a Mancomunidade de Municipios da Mariña veñen de consolidar a súa colaboración cun novo convenio dotado con 25.000 euros, destinado a fortalecer a promoción turística da comarca e a afianzar a marca Mariña Lucense como xeodestino de referencia no norte de Galicia. O acordo foi asinado polo presidente da Deputación, José Tomé Roca, e pola presidenta da Mancomunidade, Rocío López, nun acto no que ambos destacaron a relevancia desta cooperación anual.
José Tomé subliñou que esta achega “dá continuidade a un compromiso firme co desenvolvemento turístico da Mariña, coa súa veciñanza e coa creación de riqueza e emprego nun sector estratéxico que combina costa e montaña e ofrece experiencias diferenciadas ao visitante”. O mandatario provincial incidiu en que o turismo sostible e de calidade “xoga un papel fundamental no crecemento económico da zona, atraendo público ao longo de todo o ano e xerando valor tanto social como laboral”.
Grazas ao convenio, a Mancomunidade poderá consolidar proxectos xa asentados, entre eles o programa Plans con Corazón, que ofrece 16 rutas guiadas polos 16 concellos da Mariña; os Obradoiros con Corazón, realizados en colaboración con artesás e artesáns da comarca; e a rede Turismo Slow Norte de Galicia, orientada a un modelo de viaxe pausado e sostible. O acordo tamén inclúe fondos para accións de comunicación, campañas de marketing, atención aos medios e xestión das redes sociais, ferramentas esenciais para reforzar a proxección do destino tanto en Galicia como no resto do norte peninsular.
Pola súa banda, Rocío López agradeceu á Deputación o apoio renovado e destacou que esta colaboración “segue a ser imprescindible para impulsar accións de promoción e difusión da Mariña. Grazas a este respaldo podemos fortalecer os nosos produtos turísticos, dinamizar a actividade durante todo o ano e ofrecer experiencias singulares que poñen en valor a nosa riqueza natural, patrimonial e gastronómica”.
O xeodestino Mariña Lucense abrangue tres comarcas situadas ao norte da provincia de Lugo —A Mariña Occidental, A Mariña Central e A Mariña Oriental— e integra un total de 15 concellos: Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, A Pontenova, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove.