A Deputación destina 150.000 euros á mellora do Miradoiro de Mondoñedo e dos seus accesos

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o alcalde de Mondoñedo, Manuel Ángel Otero Lugilde, asinaron este venres na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos un convenio de colaboración para acondicionar o Miradoiro de Paredóns da localidade e mellorar os seus accesos.
P1110887
31 Xul 2020

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o alcalde de Mondoñedo, Manuel Ángel Otero Lugilde, asinaron este venres na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos un convenio de colaboración para acondicionar o Miradoiro de Paredóns da localidade e mellorar os seus accesos. A institución provincial concédelle para estes fins á administración local mindoniense unha axuda de 150.000 euros, repartida entre este ano e o vindeiro 2021.

Con esta achega económica da Deputación vanse mellorar os accesos ao Miradoiro dende o Campo dos Paxariños, ampliando a vía e repoñendo o firme, que será dotado dun novo pavimento de aglomerado en quente nos últimos tramos do acceso. Tamén se vai acondicionar con zahorra o camiño que une este edificio directamente con Mondoñedo, que agora mesmo se atopa inaccesible. 

No propio edificio do Miradoiro está previsto realizar unha limpeza exterior dos muros e pintar de novo con pinturas á cal. Ademais, faranse reparacións puntuais das carpinterías exteriores que se atopan en mal estado para garantir a seguridade de acceso ao edificio. Así mesmo, vanse acondicionar os peches de protección de desniveis mediante reparación e reposición de elementos deteriorados por outros semellantes aos existentes con tratamentos de superficie. 

A institución provincial cedeulle ao Concello de Mondoñedo este edificio para que realice os usos que considere oportunos para sacarlle a máxima rendibilidade social posible. Tomé Roca fixo efectivo o acordo de cesión deste inmoble este venres, ao entregarlle ao Alcalde de Mondoñedo as chaves do edificio e formalizando en escritura pública esta transmisión. 

A Deputación realizou unha primeira fase do proxecto ao abeiro dun obradoiro de emprego no que traballaron 20 persoas realizando a reconstrución do edificio. Durante ese período leváronse a cabo labores de acondicionamento interior, retirouse o mobiliario e os elementos deteriorados para repoñelos por outros novos, e tamén se actuou sobre os muros exteriores. Así mesmo, mellorouse a zona de aparcadoiro e a zona de acceso peonil.

0.19607400894165