A Deputación defende con firmeza a residencia pública de Trabada fronte aos ataques políticos

AMariñaXa
Nun encontro coas familias das persoas usuarias, a institución provincial reitera a calidade dos coidados e denuncia o uso partidista dun servizo esencial
residencia-trabada
7 May 2025

A Deputación de Lugo saíu ao paso das críticas rexistradas nos últimos días sobre a residencia pública de persoas maiores de Trabada, xestionada pola institución provincial. Nun comunicado claro e rotundo, rexeita calquera insinuación que cuestione a calidade da atención prestada ou a profesionalidade do persoal que traballa neste centro, considerado un referente no coidado das persoas maiores na provincia.

Este martes tivo lugar unha reunión informativa convocada pola Deputación coa participación das familias das persoas residentes. O encontro desenvolveuse nun ambiente de diálogo respectuoso, coa presenza de responsables da área de Benestar Social e persoal técnico, e permitiu resolver dúbidas, explicar protocolos e reforzar a comunicación directa entre a institución e as familias.

A Deputación agradeceu o ton construtivo do encontro e destacou que todos os procedementos sanitarios, alimentarios e asistenciais se aplican seguindo a normativa vixente e en coordinación co Sergas. A atención que se presta está supervisada por equipos técnicos e responde a criterios estritamente profesionais.

A institución provincial amosouse especialmente crítica co Partido Popular, ao que acusa de empregar con fins partidistas unha cuestión tan sensible como o benestar das persoas maiores. “É grave e irresponsable —sinalan— utilizar as preocupacións dalgunhas familias como arma de confrontación política, provocando unha alarma social innecesaria e xerando malestar tanto nos usuarios coma nos profesionais que os coidan con dignidade e dedicación”.

Desde a Deputación reiteran o seu compromiso cun modelo de atención centrado nas persoas, baseado no respecto, na dignidade e na mellora continua. A institución asegura que seguirá traballando con humildade, transparencia e ao lado das familias, e defende que “as persoas maiores merecen os mellores coidados, e quen as atende con vocación tamén merece recoñecemento e respecto”.

⚙ Configurar cookies
0.16858100891113